Un día para coñecer o campus de Ourense en primeira persoa

O campus de Ourense acolleu este martes a primeira da Xornada de Portas Abertas, XOU, que esta semana teñen lugar nos tres campus da Universidade de Vigo co obxectivo de que o alumnado preuniversitario poida coñecer de primeira man os seus centros e estudos. A programación incluíu unha zona de feira no pavillón de deportes aberta ao alumnado de ensino medio e as súas familias e diferentes actividades nas instalacións das facultades e escolas.

Susana Rodríguez, directora da Área de Captación do Alumnado, da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, salientou durante a xornada como “a idea de facer xornadas de orientación universitaria e de portas abertas realmente xa estaba pero faltaba que fosen máis sistemáticas e máis institucionalizadas”. Cun formato diferente en cada campus, indicou, “a idea común destas xornadas é visibilizar as posibilidades e dar a coñecer a oferta formativa da Universidade de Vigo”. “É importante facerlle ver aos estudantes e ás súas familias todo o que temos no noso campus”, recalcou pola súa banda Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, sobre a importancia de levar a cabo iniciativas coma estas xornadas.

Ler a noticia completa no DUVI