A Facultade de Dereito do campus de Ourense e a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo acollerán os días 18, 22, 25 e 29 de outubro o I Congreso Internacional de Violencia Sexual. Nesta primeira edición, o evento, dirixido polas profesoras da Universidade de Vigo Inés C. Iglesias Canle e María José Bravo Bosch, estará enfocado “no estudo e análise das institucións xurídicas e o tratamento político da violencia sexual no eido interno e internacional”.
O congreso, que leva por título Violencia sexual: antecedentes romanos e regulación actual, está organizado dentro das actividades do grupo de innovación docente Docentia et Mulier da Universidade de Vigo e conta co apoio da Vicerreitoría de Investigación e o Consello Social da UVigo. A iniciativa, indican desde a súa organización, “pretende ser un foro de discusión e intercambio de experiencias das realidades actuais sobre a violencia sexual e o seu tratamento dende a experiencia histórica á situación actual en distintos textos normativos, nacionais e internacionais”. Trátase, explican, “de examinar o impacto das políticas e das achegas xurídicas no seu intento por erradicar as distintas formas de violencia sexual, en tanto que supoñen unha violación do dereito fundamental á liberdade, á igualdade e á dignidade da persoa, á súa integridade física e moral e, desgraciadamente, en ocasións, á propia vida”.
Así, lembran desde a organización do congreso, tal e como establece a exposición de motivos do anteproxecto de Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual “a cidadanía supón o exercicio de todo un conxunto de dereitos humanos ligados á liberdade e á seguridade, que están intimamente relacionados coa liberdade de movemento e de uso dos espazos, pero tamén coas relacións persoais e a capacidade de decisión sobre o propio corpo”. O acceso efectivo das mulleres e as nenas a estes dereitos, indícase no anteproxecto, “ten sido historicamente obstaculizado polos roles de xénero establecidos na sociedade patriarcal, que sustentan a discriminación das mulleres e penalizan, mediante formas violentas, as expresións de liberdade contrarias ao citado marco de roles. Na súa expresión física e tamén simbólica, as violencias sexuais constitúen quizais unha das violacións de dereitos humanos máis habituais e ocultas de cantas se comenten na sociedade española, que afectan de maneira específica e desproporcionada ás mulleres e ás nenas, pero tamén aos nenos”.