Cada ano, o profesorado que imparte Dereito Procesual nas universidades españolas ten unha cita coa celebración do Memorial Manuel Serra Domínguez. Neste 2024 o evento celébrase por primeira vez en Ourense, tendo lugar este xoves e venres na Facultade de Dereito do campus. Nel participa un centenar de especialistas procedentes principalmente das diferentes universidades españolas pero tamén con representacións de Italia, Portugal e Brasil.
Esta décima edición do Memorial Manuel Serra Domínguez está organizado baixo a dirección de Esther Pillado, catedrática de Dereito Procesual da Universidade de Vigo, e a coordinación de Dolores Fernández Fustes, profesora titular de Dereito Procesual tamén da UVigo, e conta co apoio do Consello Social da UVigo ademais da Facultade de Dereito que o acolle. Co lema Dereito procesual e cidadanía: retos socioeconómicos e politización da xustiza, este encontro quere brindar a xuristas un foro de debate e reflexión sobre os principais desafíos que o dereito procesual está enfrontando na actualidade debido á evolución da sociedade e a economía.