O Curso de Actualización Xurídica da Facultade de Dereito do campus de Ourense pechou este venres a súa edición 2020/2021. Fíxoo cunha conferencia sobre a transparencia da actividade pública ofrecida por Concepción Horgué, catedrática de Dereito Administrativo da Universidad de Sevilla. Nela destacou a importancia política e xurídica do acceso da cidadanía á información dos poderes públicos para o correcto goberno dunha sociedade.
A conferencia, ao igual que as anteriores, celebrouse a través do Campus Remoto da UVigo. Na súa presentación, Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, lembrou como o Curso de Actualización Xurídica naceu co obxectivo principal de facilitar unha formación complementaria multidisciplinar ao persoal docente e investigador e alumnado deste centro e para a súa actualización en temas xurídicos de carácter transversal ás diferentes áreas do dereito e de actualidade. Pola súa banda, Roberto Bustillo, profesor da Área de Dereito Administrativo da UVigo, área encargada de organizar esta última conferencia, destacou “os bos resultados formativos” do Curso de Actualización Xurídica. El foi o encargado de presentar á relatora poñendo de relevo a súa dilatada traxectoria no eido do dereito administrativo e apuntando como no caso concreto da transparencia, Concepción Horgué combina unha destacada traxectoria investigadora coa súa experiencia como secretaria xeral da Universidad de Sevilla.