A cidade de Daegu, en Corea do Sur, acolle deste o 29 de novembro e ata o 3 de decembro a celebración do XVII Congreso Mundial da Auga, organizado pola International Water Resources Association (IWRA), a asociación académica de referencia internacional en recursos hídricos. No marco da súa programación, Laura Movilla, profesora da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, recolleu este luns o premio Water Drop Award, outorgado por IWRA. O galardón recoñece o seu traballo investigador no eido da gobernanza internacional dos acuíferos transfronteirizos.
A International Water Resources Association é unha organización educativa sen ánimo de lucro que busca, tal e como explica Laura Movilla, “a mellora continua da toma de decisións sobre os recursos hídricos avanzando na comprensión colectiva dos aspectos físicos, ecolóxicos, químicos, institucionais, sociais e económicos”. Cada tres anos, esta entidade concede os Crystal Drop Award, premios que recoñecen a contribución de persoas ou institucións ao uso sostible dos recursos hídricos mundiais. No marco destes galardóns, a asociación creou en 2020 o Water Drop Award, que recoñece a profesionais novos, normalmente menores de 35 anos, que fixesen unha contribución innovadora ao sector da auga, incluíndo investigación innovadora, emprendemento ou promoción do perfil dos máis novos.