A estrutura en mencións permite ao estudantado deseñar o seu propio itinerario de materias optativas e, se o desexa, especializarse en cuarto curso en Dereito Xudicial ou en Dereito da Unión Europea e desenvolvemento sostible

A mención incorpórase ao título de graduado en Dereito cando o estudantado cursa polo menos cinco materias optativas integradas nun mesmo ámbito. O título con mención acredita fronte a terceiros a formación especializada obtida polo alumno, sen prexuízo da formación nuclear que o título garante.

Son dúas as mencións pioneiras no título de graduado que oferta a Facultade de Dereito de Ourense:

Mención en Dereito xudicial

A Mención en Dereito xudicial, máis clásica e xeneralista dentro da especialización, ofrece ao estudantado con vocación xurídica un sólido programa formativo en Dereito, que o prepara para a práctica xurídica pública ou privada en xeral. Está especialmente orientada ao estudantado que desexe dedicarse á práctica xudicial no ámbito da Administración de Xustiza ou ao exercicio profesional da avogacía.

Materia Cuad.
Argumentación e interpretación xurídica
Sistemas xurídicos contemporáneos: Dereito continental e dereito anglosaxón
Dereito de defensa da competencia
Dereito penal e procesual de menores
Criminoloxía e dereito penitenciario
Dereito de danos e responsabilidade civil
Prácticas externas

Mención en Dereito da UE e desenvolvemento sostible

A Mención en Dereito da Unión Europea e desenvolvemento sostible, máis innovadora e cun enfoque supranacional, ofrece unha formación especializada e de calidade en Dereito Europeo. Resulta de especial interese para o estudantado ambicioso e sensible aos retos propios dun mundo globalizado. Tamén para o estudantado estranxeiro que desexa participar en programas de mobilidade internacional e afondar no estudo das institucións e fontes propias da Unión Europea.

Materia Cuad.
Dereito mercantil europeo
Libre circulación de traballadores e políticas sociais europeas
Unión Europea, constitución e medio ambiente
Dereito tributario da Unión Europea e internacional
Litigación internacional e sostibilidade
Prácticas externas

Materias comúns

Materias obrigatorias para obter o título de Graduado en Dereito con ou sen Mención impartido na Facultade de Dereito.

Materia Curso Cuad.
Xurisdicións contencioso-administrativa e social
Procesos especiais e métodos alternativos de solución de conflitos

 

A Mención en Dereito xudicial oferta un total de 7 materias e a Mención en Dereito da UE e desenvolvemento sostible 6 materias. O estudantado deberá cursar, polo menos, un total de 5 materias (30 créditos ECTS), para a obtención da correspondente mención.

En todo caso, o estudantado poderá escoller 36 créditos de materias optativas de diferentes mencións, podendo igualmente obter o título de Grao en Dereito, pero neste caso, sen mención.