Alumnado de Dereito familiarízase co traballo dun médico forense

A iniciativa quixo contribuír a unha mellor formación neste eido das e dos futuros xuristas

Virxilio Rodríguez, Fernando Serrulla e Benjamín Mayo
Virxilio Rodríguez, Fernando Serrulla e Benjamín Mayo

A autopsia de Diana Quer tralo achado do seu cadáver, a segunda autopsia que identificou os restos dos fillos de José Bretón tras unha primeira autopsia errónea, a identificación de corpos do 11-M, a exhumación de soldados descoñecidos mortos na guerra das Malvinas… Estes, e outros moitos casos, forman parte do currículo de Fernando Serrulla, responsable da Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia, con sede no hospital de Verín. Este xoves, el foi o encargado de achegarse á Facultade de Dereito do campus de Ourense para familiarizar ás e aos futuros xuristas co traballo que realizan os médicos e médicas forenses.

A conferencia foi presentada por Virxilio Rodríguez, profesor de Dereito Penal da Universidade de Vigo, e Benjamín Mayo, coordinador profesional do Máster en Avogacía desta institución académica, que coincidiron en salientar “o privilexio” que supón poder contar coa presenza de Serrulla no campus e poder escoitar a “un profesional dedicado ao seu traballo”, tal e como subliñou Benjamín Mayo. A actividade, recalcou Virxilio Rodríguez, permitiu ao alumnado presente achegarse desde un punto de vista práctico a conceptos que en materias como dereito penal ou procesual abordan desde un punto de vista eminentemente teórico. “Arredor ou pivotando co dereito penal existen outras disciplinas científicas que son moi importantes á hora de esclarecer os feitos delitivos, unha delas é a medicina forense”, afirmou Virxilio Rodríguez na presentación da conferencia.

Ler a noticia completa no DUVI