Seminario “A alimentación funcional como dereito subxectivo”

A Facultade de Dereito de Ourense acollerá os días 30 de setembro e 1 de outubro de 2026 o seminario “A alimentación funcional como dereito subxectivo”, unha actividade que explora as implicacións xurídicas dun fenómeno cada vez máis estendido: a organización da dieta non só para nutrirse, senón para obter un beneficio concreto para a saúde ou o benestar, como mellorar a dixestión, o colesterol ou o rendemento físico. Este cambio de hábitos abre preguntas xurídicas aínda sen resposta clara: existe un dereito a alimentarse funcionalmente? Quen decide a dieta dos menores ou das persoas con discapacidade? Que compromete quen deseña ou presta esa alimentación, e que pode esixir quen a contrata? O seminario, dirixido por Lidia Noriega Rodríguez e coordinado por Eva Fernández Rodríguez, ambas da Área de Dereito Civil da Universidade de Vigo, busca dar resposta a estas cuestións desde unha perspectiva xurídica.

O programa desenvolverase ao longo de dúas xornadas. O mércores 30 de setembro comezará ás 9.30 h cunha presentación a cargo da decana da Facultade de Dereito, Susana Álvarez González, e incluirá intervencións sobre a obriga legal de alimentos entre parentes, a alimentación funcional como dereito subxectivo, o legado de alimentos como instrumento de planificación sucesoria e a protección do consumidor vulnerable. O xoves 1 de outubro abordaranse cuestións como a alimentación funcional como obriga cara aos fillos, no arrendamento de servizos profesionais e nos réximes económicos matrimoniais. O programa conta coa participación de relatores de distintas universidades, como a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade Autónoma de Lisboa Luís Camões e a propia Universidade de Vigo.

Pódese descargar o folleto co programa completo na franxa gris de máis arriba.