O Plan Estratéxico da Facultade de Dereito constitúe un programa dinámico de traballo dirixido a orientar de forma organizada e planificada metodolóxica e temporalmente as actuacións dos órganos de goberno e xestión do centro, de acordo coas súas capacidades, as expectativas dos principais grupos de interese e as necesidades do entorno e da sociedade en xeral. Os dous últimos obxectivos introducíronse na actualización do plan aprobada o 16 de xaneiro de 2017.
Para definir a realidade presente da Facultade de Dereito e as súas tendencias potenciais de evolución e formular a estratexia a seguir, e tras unha avaliación interna e externa do centro -unha análise exhaustiva das súas debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades- fixamos uns obxectivos teleolóxicos que nos permitirán alcanzar unha mellora continua da calidade do centro: un obxectivo xeral, que debe constituír o eixe da estratexia do centro, e sete obxectivos específicos, tamén importantes, que contribuirán á consecución do primeiro obxectivo.
Obxectivo xeral
- Consolidar a Facultade de Dereito de Ourense dentro do Sistema Universitario de Galicia (SUG).
Obxectivos específicos
- Acadar e manter a certificación da implantación do Sistema de Garantía Interna de Calidade (SGIC) e a acreditación dos títulos oficiais adscritos á Facultade e do propio centro.
- Manter ou incrementar o número de prazas e de estudantes no Grao en Dereito e no Mestrado universitario en Avogacía.
- Adecuar a oferta de títulos á demanda social real.
- Avanzar cara á especialización por Campus → Aproveitar o impulso do Campus da Auga.
- Apoiar a creación e implementación dun programa de doutoramento multidisciplinar ligado ao Campus da Auga.
- Facilitar a empregabilidade e o desenvolvemento de prácticas.
- Avanzar na internacionalización do centro.
Programa de Desenvolvemento Estratéxico da Facultade de Dereito (2025 – 2027)
Para a elaboración do novo plan estratéxico do centro, partiuse do xa existente e en vixencia desde o ano 2015. Este plan estaba dirixido a orientar de forma organizada e planificada, metodolóxica e temporalmente, as actuacións dos órganos colexiados e unipersoais de Goberno do Centro, de acordo coas capacidades do centro e cos valores e expectativas dos seus principais grupos de interese e as necesidades da contorna e da sociedade en xeral.
Non se trata dun documento improvisado, senón que se basea nunha metodoloxía de análise, traballo e toma de decisións experimentada e posta en práctica desde o mes de outubro de 2012 polo equipo de Goberno da Facultade de Dereito e que permanece vixente na actualidade, ata a implantación do novo plan de desenvolvemento estratéxico da Facultade de Dereito, adaptado ao Plan estratéxico da Universidade de Vigo. Por tanto, trátase dun documento básico a través do cal se pode identificar a evolución das debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades e analizar se persisten no tempo ou se se produciron novas que constitúan retos aos que a Facultade de Dereito ha de enfrontarse durante a vixencia da elaboración do programa de desenvolvemento estratéxico da Facultade de Dereito 2025-2027, e se as mesmas están en consonancia coas previstas no “Plan Estratéxico da Universidade de Vigo”.