Misión

A Facultade de Dereito, especialmente comprometida en incorporar a igualdade entre homes e mulleres como un dos seus valores centrais, é unha institución orientada a proporcionar ao seu estudantado unha formación xurídica teórica e práctica, exhaustiva e de calidade en todas as ramas do Dereito, que lles permita alcanzar as competencias e habilidades necesarias para o exercicio de profesións xurídicas e comportarse de xeito ético e con responsabilidade social como profesionais do Dereito, así como a contribuír á mellora da investigación e a difusión e transferencia de resultados baixo criterios óptimos de excelencia.

Visión

A Facultade de Dereito de Ourense, situada nun campus periférico, aspira a consolidar a súa posición no mapa de titulacións do Sistema Universitario de Galicia concentrando os seus esforzos nas súas titulacións xurídicas, que constitúen os piares centrais da Facultade. Para iso, sen perder de vista a pretendida especialización por campus na docencia, a investigación e transferencia de resultados e a internacionalización das súas actividades, afánase en garantir unha formación xurídica integral de acordo cun modelo educativo multidisciplinar de ensino, que fomente a aprendizaxe autónoma do estudantado e a transferencia de coñecemento xurídico así como a proxección exterior á sociedade, sen esquecer o seu compromiso coa igualdade de xénero como un dos seus valores centrais.