Alumnado de Dereito completa a súa formación a través da simulación de xuízos de casos reais

A Facultade de Dereito do campus de Ourense puxo en marcha este curso académico un proxecto de innovación docente chamado Aula de Práctica Xurídica. Nel, entre outras accións, alumnado do centro ten a oportunidade de, a través da participación activa na escenificación dun xuízo, vivir “unha experiencia integral que conecta os seus estudos teóricos coa práctica profesional”.  

Trátase, explican desde a súa organización, dunha iniciativa innovadora centrada na formación práctica. Nela proponse a simulación en aulas da Facultade de Dereito de casos reais baixo a supervisión de profesorado do centro e coa colaboración de profesionais das distintas profesións xurídicas. “O obxectivo final é o desenvolvemento integral das competencias do alumnado mediante o estudo de aspectos éticos, técnicos e prácticos de casos reais, incorporando a experiencia profesional á formación práctica”, sinalan.

Ademais de formar ao alumnado en aspectos prácticos a través de experiencias reais, a iniciativa, de xeito transversal, aposta por fomentar a concienciación e sensibilización xurídica ao levar ao alumnado a afrontar nos xuízos simulados problemas sociais complexos, apostando por un enfoque práctico pero tamén ético na aprendizaxe. Este enfoque, sinalan, está en consonancia cos valores esenciais previstos no plan estratéxico da Universidade de Vigo, como poden ser o respecto polo medio ambiente e compromiso co desenvolvemento sostible, e tamén co Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense, que ten entre as súas liñas de traballo o medio ambiente e a sostibilidade.

Acusación, defensa, acusados, testemuñas e peritos

A primeira das actividades desta Aula de Práctica Xurídica tivo lugar en dúas sesións celebradas o 29 de xaneiro e o 26 de febreiro na Facultade de Dereito do campus, contando coa participación de alumnado do Mestrado da Avogacía e Procuradoría e do Grao de Dereito. Coordinaron a actividade o profesorado do centro Susana Álvarez, María Dolores Fernández e Virxilio Rodríguez e nela colaboraron desde o eido profesional Carmen Eiró, fiscal de Medio Ambiente de Galicia, e a xuíza Susana Conde. Este primeiro xuízo simulado, que se enfocou como unha práctica penal e procesual, centrouse nun caso de maltrato animal. Alumnas e alumnos do Grao de Dereito e do citado mestrado repartíronse os papeis de acusación, defensa, acusado, testemuñas e peritos e desenvolveron as súas personaxes aténdose ao que corresponde á realidade xurídica, contando co apoio do profesorado e das profesionais presentes.

Desde a organización da actividade destacan o esforzo e bo traballo realizado polo alumnado no desenvolvemento das súas respectivas personaxes no escenario xurídico e agradecen de xeito especial a colaboración nesta actividade de innovación docente de Carmen Eiró e Susana Conde, que, coa súa experiencia, guiaron ao alumnado neste achegamento á realidade dun xuízo. A actividade, engaden, supón non só unha oportunidade excelente para complementar a formación práctica do alumnado senón que lles permite ademais establecer contacto directo con operadores xurídicos e enriquecerse da súa bagaxe profesional.

Ler a noticia completa no DUVI