A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este xoves un obradoiro centrado nas implicacións prácticas que terá para as empresas a nova regulación da Unión Europea sobre dilixencia debida en materia de sostibilidade. Foi impartido por Pedro Portellano, catedrático de Dereito Mercantil da Universidad Autónoma de Madrid.
O relator explicou ao alumnado presente que “o obxectivo desta directiva é establecer obrigacións das empresas ou para as empresas en relación coa protección do medio ambiente e os dereitos humanos, non só en Europa senón tamén en todo o mundo”. Así, detallou, estas obrigas non se refiren só ás empresas en si mesmas, senón a todas as que forman parte da súa cadea de subministración. “É dicir desde a empresa que está, por exemplo, en China, que vende á francesa e a francesa á alemá e a alemá á española, todas terán que cumprir esas obrigas”, dixo o catedrático. A normativa comezará a aplicarse no ano 2026 pero o catedrático sinalou que as empresas xa están empezando a tomar medidas para afrontar ese escenario futuro, polo que destacou a pertinencia de que o alumnado de Dereito comece a coñecer cales serán as súas repercusións.
Pedro Portellano comentou que esta nova regulación “vai a ter importantísimas repercusións en todas as empresas europeas, incluídas as españolas”, subliñando que “moitas cousas terán que cambiar”. Así, sinalou que a súa aplicación “suporá un incremento de custes, seguramente un incremento da inflación e a cambio teremos un mundo mellor? Iso xa o veremos”. O convidado recalcou que esta é primeira directiva deste tipo que se pon en marcha non só en Europa senón en todo o mundo. “Europa tense convertido en valedora mundial da sostibilidade tanto no terreo do medio ambiente como dos dereitos humanos. Os norteamericanos e os asiáticos non teñen normas similares”, dixo. Agora, engadiu, “o mundo está mirando a ver que é o que pasa e en función dos resultados o resto do mundo, en particular Norteamérica, tomarán decisións”.
A actividade estivo organizada pola Área de Dereito Mercantil da UVigo, con dirección da catedrática Ana María Tobío e o profesor Juan Manuel de los Ríos e a coordinación de Roberto Couto e Sara Menor. Ademais contou co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo.