Xornada “Paridade e equilibrio de xénero nos consellos de administración das sociedades mercantís e na alta dirección empresarial”

A Facultade de Dereito de Ourense acollerá a xornada “Paridade e equilibrio de xénero nos consellos de administración das sociedades mercantís e na alta dirección empresarial”, unha actividade que ten como obxectivo analizar as últimas modificacións normativas introducidas no Dereito español para acadar unha presenza equilibrada de mulleres nos órganos de goberno das empresas. A xornada parte da premisa de que a consecución da paridade na gobernanza corporativa é esencial para facer realidade o principio de igualdade de trato e oportunidades, en coherencia co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible incluído na Axenda 2030 das Nacións Unidas. Neste marco, abordaranse dúas normas clave: a Directiva da Unión Europea 2022/2381, coñecida como Directiva Women on Boards, e a Lei Orgánica 2/2024, de 1 de agosto, ou Lei de Paridade, que a transpón en España.

Estas disposicións supoñen un cambio substancial de orientación, xa que substitúen as meras recomendacións ou suxestións de cumprimento voluntario por normas de carácter vinculante cun réxime sancionador rigoroso, aplicables tamén a ámbitos alleos ao sector público. Trátase, polo tanto, dun salto cualitativo importante na implementación de medidas favorecedoras da paridade nos órganos de xestión e dirección das sociedades cotizadas e outras entidades privadas de certo tamaño. A xornada permitirá valorar a efectividade do modelo normativo vixente e debater sobre a conveniencia de artellar novas medidas que permitan avanzar cara a unha igualdade real e efectiva.

A actividade está dirixida por Ana María Tobío Rivas, catedrática de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, e coordinada por Roberto Couto Calviño, profesor axudante doutor da mesma área no campus de Ourense. A asistencia é de balde e libre ata completar prazas, e require inscrición previa enviando un correo a rcouto@uvigo.es antes do 13 de outubro, indicando nome e apelidos, DNI e ocupación.

Programa

  • 10.45 h – Presentación da xornada.
  • 11.00 h – Equilibrio de xénero nos consellos de administración e na alta dirección empresarial, a cargo de Adoración Pérez Troya (Universidad de Alcalá de Henares).
  • 12.00 h – O procedemento de selección de conselleiros e o nomeamento de altos directivos tras a Lei de Paridade, a cargo de María Ángeles Alcalá Díaz (Universidad de Castilla-La Mancha).
  • 13.00 h – Coloquio.