O vindeiro 17 de setembro de 2026, de 9.30 a 14.30 h, a Aula de práctica xurídica da Facultade de Dereito de Ourense acollerá o seminario “Fenda dixital e xustiza inclusiva: retos para unha transformación dixital accesible, próxima e garantista”, unha xornada que reunirá especialistas para analizar os desafíos e oportunidades que a dixitalización da administración de xustiza presenta para os colectivos máis vulnerables. Dirixido academicamente por Inés Celia Iglesias Canle e Ana Isabel González Fernández, e coordinado por Helena López Gómez, o evento abrirase ás 9.30 h cunha inauguración a cargo de Ana Isabel González Fernández, Inés Celia Iglesias Canle e unha representante institucional da Universidade de Vigo. A continuación, a primeira mesa, moderada por Inés Celia Iglesias Canle, abordará os colectivos vulnerables ante a dixitalización, a xustiza dixital accesible e a linguaxe xurídica clara, con intervencións de Iglesias Canle, Ana Isabel González Fernández e Laura Scialò.
A segunda mesa, presidida por Ana Isabel González Fernández, afondará na xustiza dixital inclusiva desde unha perspectiva histórica, xurídica, social e tecnolóxica, coas intervencións de Helena López Gómez sobre a fenda dixital de xénero, Enrique Barreiro Alonso sobre o deseño de ferramentas dixitais accesibles, e María José Bravo Bosch sobre fenda dixital, igualdade e protección das persoas vulnerables. O programa inclúe tamén un espazo para a presentación de comunicacións vinculadas a liñas como a fenda dixital e acceso á xustiza, a dixitalización das administracións e a intelixencia artificial, a vulnerabilidade e xénero, e a accesibilidade e linguaxe clara. A xornada rematará cun debate xeral e unha clausura a cargo das directoras da actividade.
Podes ver o programa completo descargando o folleto do seminario (na barra gris de máis arriba)