Seminario “Dominio público hidráulico e o réxime xurídico da propiedade privada lindeira”

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá os días 7 e 8 de outubro de 2026 o “Seminario Dominio público hidráulico e réxime xurídico da propiedade privada lindeira”, unha actividade que analizará a relación entre as canles e bens de dominio público hidráulico e as fincas privadas lindeiras, tanto desde a perspectiva civil como desde a administrativa. O seminario está dirixido por Eva Fernández Rodríguez (profesora axudante doutora de Dereito Civil) e Sofía Salgado Pontón (contratada predoutoral FPU), e coordinado por Lidia Noriega Rodríguez (profesora titular de Dereito Civil) e Paula Gamallo Carballude (profesora interina de Dereito Administrativo), todas da Universidade de Vigo. A actividade realízase no marco do proxecto de investigación “Estudo do dominio público hidráulico en relación co réxime xurídico da propiedade privada lindeira”, financiado pola Universidade de Vigo e a Deputación Provincial de Ourense a través da convocatoria de “Axudas a grupos de investigación do Campus de Ourense (INOU 2026)”.

O programa estrutúrase en dúas xornadas temáticas. O mércores 7 de outubro, dedicado ao ámbito civil, abordaranse cuestións como a extensión e o obxecto do dereito de propiedade nas fincas lindeiras con canles públicas, os dereitos sobre augas privadas e o réxime transitorio da lexislación de augas, as accións de tutela dominical (reivindicatoria, declarativa e negatoria), a reparación e indemnización de danos á propiedade privada lindeira, e a representación gráfica xeorreferenciada na coordinación Rexistro-Catastro. O xoves 8 de outubro centrarase no ámbito administrativo, con intervencións sobre os efectos da diminución de recursos hídricos nos títulos habilitantes, o réxime urbanístico do dominio público hidráulico e as súas zonas de servidume e policía, e os efectos da delimitación de perímetros de protección de captacións de augas de consumo humano sobre o dereito de propiedade. A intervención inaugural correrá a cargo da decana da Facultade de Dereito, Susana Álvarez González, e o programa inclúe relatores, alén. dos da UVigo, de universidades e institucións como a UNED, a Universidad de Granada, a Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación Provincial de Ourense e o Rexistro da Propiedade.

Información completa no folleto descargable na zona gris de máis arriba.