A Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá o obradoiro “Cláusulas abusivas na contratación bancaria e principio de transparencia”, impartido por Rafael Marimón Durá, catedrático de Dereito Mercantil da Universitat de València. A actividade está organizada pola Área de Dereito Mercantil do Campus de Ourense, baixo a dirección de Ana María Tobío Rivas e Juan Manuel de los Ríos Sánchez, e a coordinación de Roberto Couto Calviño e Sara Menor Conde. A asistencia é de balde e libre ata completar prazas, e require inscrición previa enviando un correo a rcouto@uvigo.es antes do 17 de outubro, indicando nome e apelidos, DNI e ocupación.
O obradoiro analizará a aplicación do principio de transparencia ás cláusulas abusivas na contratación bancaria, un ámbito que nos últimos anos xerou numerosas controversias xudiciais e reflexións xurídicas. Para abordar esta cuestión, tomaranse en consideración normas como a Lei 7/1998, sobre Condicións Xerais da Contratación, e o Real Decreto Lexislativo 1/2007, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios, xunto coa normativa sectorial en materia de transparencia e protección da clientela bancaria. O relatorio examinará os controis aos que deben someterse estas cláusulas —o control de incorporación ou transparencia formal e o control de contido ou transparencia material—, así como a súa conexión coa avaliación da abusividade, a partir das resolucións xurisprudenciais máis recentes e relevantes en España.
Pódese descargar un folleto con toda a información na banda gris de máis arriba.