A Facultade de Dereito de Ourense acollerá o vindeiro 24 de setembro de 2026, de 9.30 a 12.30 h na Aula Magna, unha xornada de conferencias baixo o título “Constitucionalismo global e cuestión ecolóxica”, centrada nos problemas migratorios, agroalimentarios e medioambientais xerados polo cambio climático. A actividade, dirixida academicamente por Pablo Raúl Bonorino Ramírez, propón unha reflexión sobre os desafíos que a emerxencia climática supón para o constitucionalismo desde unha perspectiva global.
A xornada contará coa participación de tres relatores de recoñecido prestixio: Luigi Ferrajoli, da Università Roma Tre; María Concepción Gimeno Presa, da Universidad de León; e Dario Ippolito, decano da facultade de Ciencias da Università Roma Tre. As súas intervencións permitirán afondar nas implicacións xurídicas e políticas da crise climática, ofrecendo claves para repensar as institucións democráticas e os instrumentos de protección dos dereitos ante os retos ecolóxicos globais.