Programa de Desenvolvemento Estratéxico da Facultade de Dereito (2025 – 2027)

O Programa de Desenvolvemento Estratéxico da Facultade de Dereito constitúe un programa dinámico de traballo dirixido a orientar de forma organizada e planificada metodolóxica e temporalmente as actuacións dos órganos de goberno e xestión do centro, de acordo coas súas capacidades, as expectativas dos principais grupos de interese e as necesidades da contorna e da sociedade en xeral.

Trátase dun documento a través do cal se pode identificar a evolución das debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades, e analizar se persisten no tempo ou se se produciron novas que constitúan retos aos que a Facultade de Dereito ha de enfrontarse, e se as mesmas están en consonancia coas previstas no “Plan Estratéxico da Universidade de Vigo”.

Para a elaboración do novo plan estratéxico do centro, partiuse do xa existente e en vixencia desde o ano 2015.

O Programa Estratéxico 2025-2027 da Facultade de Dereito do campus de Ourense establece cinco eixes estratéxicos aliñados co Plan da Universidade de Vigo: formación, investigación e transferencia, persoas, organización e recursos, e relación coa sociedade. En formación, priorízase a consolidación da Facultade dentro do Sistema Universitario de Galicia, o mantemento do sistema de calidade, a adecuación da oferta á demanda e a súa estreita relación co “Campus Auga”. En investigación, promóvese un plan de comunicación dixital que visibilice a actividade investigadora.
No eixe de persoas, búscase e promóvese o desenvolvemento profesional do alumnado, PDI e PTXAS, así como consolidar un entorno igualitario e libre de violencia. En organización, proponse un uso eficiente dos recursos, melloras na accesibilidade e o mantemento das infraestruturas docentes. Finalmente, en relación coa sociedade, preténdese consolidar e ampliar convenios con institucións, impulsar a internacionalización e reforzar as saídas profesionais mediante a colaboración co entorno institucional e empresarial.

PDE 2025-2027