Xornada “Incorporación da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais a través da negociación colectiva”

A Facultade de Dereito de Ourense acollerá o vindeiro 2 de decembro de 2026 a xornada “A incorporación da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais a través da negociación colectiva”, un evento organizado polo Consello Galego de Relacións Laborais e o propio centro. O encontro, que se celebrará no Salón de Graos, ten como obxectivo principal examinar o papel da negociación colectiva á hora de integrar a perspectiva de xénero na avaliación de riscos e na organización do traballo, prestando especial atención a como se deben integrar as diferenzas entre mulleres e homes para acadar contornas laborais máis seguras e igualitarias.

Ao longo da xornada analizaranse medidas específicas fronte a riscos frecuentemente invisibilizados (como os psicosociais, ergonómicos, reprodutivos ou os vinculados ao acoso), e presentaranse recomendacións e propostas de actuación. O programa contará con relatorios de expertas e expertos como Gloria Rojas Rivero (Universidad de La Laguna), Mª Genoveva García Ballón (Inspección de Traballo de Ourense) ou Carlos Villarino Moure (TSXG), ademais dunha mesa de axentes sociais con representantes de CIG, UGT, CCOO e CEG. A xornada está dirixida a alumnado, persoal docente e investigador do ámbito xurídico-social, profesionais e axentes sociais. A inscrición, que acreditará a asistencia, está aberta ata o 1 de decembro de 2026 por medio desta ligazón.