A Facultade de Dereito colle as “Xornadas académicas sobre Dereito de Familia, Tecnoloxía e Dereitos Fundamentais”, unha cita dirixida por Lidia Noriega Rodríguez, profesora titular de Dereito Civil da Universidade de Vigo, e coordinada por Eva Fernández Rodríguez, profesora axudante doutora da mesma área, no marco do Grupo de investigación Medea Iuris e co apoio das axudas da Vicerreitoría de Investigación. As xornadas parten da constatación de que a transformación tecnolóxica está a modificar as relacións familiares e o seu tratamento xurídico, desde a reprodución asistida e a decisión algorítmica ata a comunicación entre proxenitores separados ou o destino do patrimonio dixital tras a morte. O obxectivo é analizar como responde o Dereito de Familia a estes cambios e que límites impoñen os dereitos fundamentais das persoas implicadas, con especial atención ás menores e ás persoas máis vulnerables.
O programa, que comezará ás 10.30h coa presentación, reunirá profesorado de Dereito Civil das universidades de Santiago de Compostela e de Vigo. Ana Díaz Martínez (USC) abrirá ás 11.00h coa intervención “Aspectos xurídicos da reprodución humana asistida: cuestións actuais e de sempre”, á que seguirá Marta Madriñán Vázquez (USC) ás 11.30h con “Intelixencia artificial e lóxica de decisión no Dereito de Familia”. Posteriormente, Zoraida Álvarez Pérez (UVigo) abordará ás 12.00h “Parellas de feito: recoñecemento civil e protección social”; Eva Fernández Rodríguez (UVigo) falará ás 12.30h sobre “A familia ante o patrimonio dixital do causante: contrato, sucesión e dereitos da personalidade post mortem”; e pechará Lidia Noriega Rodríguez ás 13.00h coa relatoría “As crises familiares e a tecnoloxía: en particular, a comunicación entre proxenitores non conviventes”.