O vindeiro 19 de novembro celebrarase na Facultade de Dereito do campus de Ourense a conferencia “Intelixencia artificial e Administración de Xustiza”, a cargo de José Ignacio Solar Cayón, Catedrático de Filosofía do Dereito da Universidad de Cantabria. A súa intervención abordará os retos e oportunidades que a irrupción da intelixencia artificial supón para a Administración de Xustiza, un ámbito no que o profesor Solar Cayón é unha figura referente.
José Ignacio Solar Cayón conta cunha traxectoria investigadora de case tres décadas, centrada nos últimos anos no estudo da intelixencia artificial xurídica e os seus efectos sobre a teoría e a práctica do Dereito. Foi investigador principal dos proxectos “La inteligencia artificial jurídica” (2019-2022) e “Inteligencia artificial jurídica y Estado de Derecho” (2023-2026), financiados polo Plan Estatal de I+D+i, e é autor de monografías como “La inteligencia artificial jurídica. El impacto de la innovación tecnológica en la práctica del Derecho y el mercado de servicios jurídicos” (Aranzadi, 2019) e “Inteligencia artificial jurídica e imperio de la ley” (Tirant lo Blanch, 2025). A súa análise do impacto da IA nos procesos de creación e aplicación do Dereito, na argumentación xurídica e na consecución da xustiza converte a súa conferencia nunha cita de especial interese para persoal investigador, estudantes e profesionais do ámbito xurídico.