Xornada de acollida do Mestrado en Avogacía e Procuradoría 2026/2027

A Facultade de Dereito do campus de Ourense celebrará o 13 de outubro de 2026, a partir das 10.00 horas , a xornada de acollida do Mestrado Universitario en Avogacía e Procuradoría. O encontro, que terá lugar na Aula de Práctica Xurídica, está dirixido ao estudantado de novo ingreso e ten como obxectivo principal facilitar a transición desde o grao ao posgrao, así como dar a coñecer a estrutura, os contidos e as oportunidades que ofrece este mestrado.

Durante a sesión, o alumnado poderá coñecer en detalle o plan de estudos, as prácticas externas, o Plan de Acción Titorial (PAT) e o Traballo Fin de Mestrado, así como os recursos e ferramentas que a Universidade de Vigo e a Facultade de Dereito poñen ao seu dispor. A xornada incluirá tamén unha sesión informativa sobre ofertas de emprego e emprendemento, a cargo da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo.

O Mestrado en Avogacía e Procuradoría, que se imparte na Facultade de Dereito de Ourense, é resultado do traballo conxunto da Universidade de Vigo e dos Ilustres Colexios da Avogacía e da Procuradoría de Ourense. Trátase dunha titulación de orientación profesional, imprescindible para o exercicio da avogacía e da procuradoría, e que ademais permite o acceso a estudos de doutoramento.

A xornada de acollida está organizada pola Facultade de Dereito coa colaboración da Comisión Académica do Mestrado e dos colexios profesionais, e supón o arranque do curso 2026/2027 para o novo alumnado do mestrado.