O emprego sostible, desde a perspectiva do piar europeo de dereitos sociais, protagonizou un seminario internacional

Na mesa, Diego Fernández, Cristina Fabeiro, Pedro Blanco, Susana Álvarez, Emma Rodríguez e Marta Fernández

O campus de Ourense acolleu o xoves 23 e o venres 24 de abril a celebración do seminario internacional Emprego sostible desde a perspectiva do piar europeo de dereitos sociais. Con este evento dáse continuidade ao proxecto Jean Monnet titulado The central role of the European Union’s social rights in employment in the twenty-first century (RightsEU), coordinado desde a Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo e que ten como obxectivo achegar formación sobre a UE a máis de 40 docentes de Formación Profesional, co propósito de que poidan posteriormente afondar nas súas aulas nos principios e dereitos sociais europeos.

O seminario contou co apoio da facultades de Dereito e co da de Ciencias Xurídicas e do Traballo e puido seguirse, tamén, de xeito telemático.

Catro temáticas centrais

O obxectivo do encontro foi analizar desde unha perspectiva xurídica e académica e de xeito multidisciplinar, os retos e oportunidades do emprego sostible no marco do piar europeo de dereitos sociais (que é unha iniciativa da UE, proclamada en 2017, que establece 20 principios fundamentais para garantir unha Europa máis xusta, inclusiva e con igualdade de oportunidade), promovendo o intercambio de coñecementos entre especialistas estatais e internacionais. O comité organizador estivo formado polas profesoras da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da UVigo Emma Rodríguez (investigadora principal do proxecto); Marta Fernández (coordinadora do seminario); Irene Dozo e Rosa Rodríguez-Martín e un comité científico de máis dunha vintena de especialistas tanto estatais como internacionais, tanto da UE como de América.

O programa articulouse en catro mesas redondas e espazos de debate, coa idea de fomentar o intercambio de ideas e experiencias entre as persoas participantes

  • Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) como garantes dos dereitos sociais fundamentais
  • A economía social como xeradora de emprego sostible (igualdade de xénero e empregos verdes)
  • Os dereitos sociais ante os procesos de reestruturación e o desprazamento de persoas no marco da libre circulación e
  • O funcionamento orgánico das sociedades cooperativas e o seu impacto no consumo local.

En cada unha destas mesas participaron especialistas de diferentes universidades tanto estatais como foráneas. A programación, que buscou fomentar “o debate científico, a difusión de investigacións e a formación”, contaba tamén cun taller interactivo con estudantes que participan no proxecto e a presentación de comunicacións.

Emma Rodríguez apuntou que o proxecto RightsEU, de tres anos de duración, está no seu ecuador, e está a supor “todo un reto”. Ao seu abeiro, indicou, o seminario celebrado reforzará o estudo e a difusión do piar europeo de dereitos sociais e todo o vinculado a el. A profesora sinalou que o seminario puxo o aceno nos desafíos en emprego sostible, a igualdade, a non discriminación e a protección efectiva dos dereitos sociais “nun contexto de profundas transformacións económicas e laborais”. Pola súa banda, Susana Álvarez tamén apuntou a pertinencia da celebración na Facultade de Dereito de Ourense deste seminario e da participación de profesorado seu en RightsEU, lembrando como unha das mencións que ten o grao que se imparte neste centro é Dereito da UE e Desenvolvemento Sostible.