A Facultade de Dereito do campus de Ourense foi o escenario, entre os días 30 de xuño e 2 de xullo, da sétima edición do Seminario Internacional sobre Democracia, Cidadanía e Estado de Dereito (SIDECIED), un encontro académico que reuniu na cidade especialistas de institucións de España, Brasil e Portugal. O evento, organizado conxuntamente pola Universidade de Vigo, a Universidade Estadual de Londrina (UEL) –Londrina, Brasil– e a Universidade Federal Fluminense (UFF) –Río de Janeiro–, contou cunha programación en formato mixto, con actividades presenciais no campus de Ourense e sesións en liña a través de grupos de traballo.
A apertura institucional tivo lugar na tarde do martes 30 de xuño no Salón de Graos da Facultade de Dereito, coa intervención da vicerreitora do campus de Ourense, Montserrat Cruz González; do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández Fernández; da decana da Facultade de Dereito, Susana Álvarez González; e dos directores do seminario, Guillermo Suárez Blázquez e Gilvan Luiz Hansen. A sesión inaugural completouse cunha conferencia sobre novas tecnoloxías dixitais e gobernanza na sociedade da información globalizada, a cargo de Bianca Kremer Nogueira Corrêa e Eder van Pelt.
Ao longo das tres xornadas, o seminario desenvolveu un amplo programa que incluíu conferencias, mesas redondas e sesións paralelas organizadas en doce grupos de traballo, que abordaron cuestións como a crise do Estado de Dereito, a gobernanza global, a sostenibilidade ambiental, a intelixencia artificial, os dereitos fundamentais e as vulnerabilidades, así como as relacións entre xénero, raza e etnias. As mesas redondas, celebradas na Aula de prácticas xurídicas da Facultade de Dereito, reuniron especialistas de ambas as beiras do Atlántico para debater sobre democracia, cidadanía e xustiza social nun escenario global marcado por crises institucionais e desafíos ambientais.
A sesión de clausura, que tivo lugar na tarde do xoves 2 de xullo, contou coas conferencias de André Ricardo Cruz Fontes, maxistrado do Tribunal Regional Federal da 2ª Região, e de Gilvan Luiz Hansen, profesor da UFF e presidente honorario do Instituto Gilvan Hansen. O seminario, que contou cunha ampla participación de investigadores e investigadoras consolidouse como un espazo de encontro e reflexión arredor das grandes cuestións que afectan á democracia, á cidadanía e ao Estado de Dereito na actualidade.
Para máis información pódese visitar a páxina web do Seminario:
IR Á WEB
