Co obxectivo de “espallar os valores da democracia entre a xente moza” e de dar a coñecer o seu traballo e funcións, cada ano o Parlamento de Galicia, en colaboración coa Asociación de Ex-Parlamentarios/as, organiza varias charlas-coloquio destinadas ao estudantado dos diferentes campus da Universidade de Vigo. Este luns, a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu a primeira destas charlas do curso académico 2025/2026. Nesta ocasión, a actividade contou coa participación de dous exparlamentarios e exparlamentarias, como son Roberto Castro (PPdeG) e Noela Blanco (PSdeG), excusando a súa asistencia María Tereixa Paz (BNG). Na súa chegada ao campus foron recibidos por Susana Álvarez, decana da Facultade de Dereito, e Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Os dous políticos convidados explicaron ao alumnado asistente o traballo que se realiza no parlamento galego, facendo fincapé na súa propia experiencia nel. A iniciativa estivo coordinada no centro polo profesor da UVigo José Agustín González Ares.
Alumnado de Dereito coñece de primeira man as funcións e o traballo do Parlamento de Galicia
