Facultade de Dereito

Calidade

Dende que en 2005 se aprobasen os Criterios e Directrices Europeos para a Calidade na Educación Superior, realizouse un progreso considerable na garantía da calidade. O grupo E4 (ENQA, ESU, EUA e EURASHE) en cooperación con Education International (EI), BUSINESSEUROPE e EQAR elaborou unha proposta de revisión dos criterios, aprobada pola conferencia de Ministros de Educación en maio de 2015, "co obxectivo de mellorar a súa claridade, aplicabilidade e utilidade, incluíndo o seu alcance".

Tanto na versión actualizada coma na anterior, establécese que a xestión da calidade das titulacións e das institucións de educación superior se realiza en dúas etapas: deseño e implantación do sistema de garantía interno da calidade en todas as ensinanzas oficiais adscritas ao centro e avaliación do sistema para a certificación da súa implantación no centro e en todas as súas titulacións oficiais.

A primeira fase, interna, baséase no deseño e implantación dun sistema de garantía de calidade no centro e nas súas titulacións. A Facultade de Dereito obtivo a Certificación do deseño do Sistema de Garantía Interno de Calidade aplicable a todas as ensinanzas oficiais impartidas no centro conforme ás directrices do programa FIDES-AUDIT por parte da ACSUG tras a valoración positiva emitida no Informe final de avaliación do deseño do sistema de garantía interna de calidade do 26 de abril de 2010.

A segunda etapa, externa, consiste na avaliación do sistema que realizan as axencias de calidade universitaria -e, en particular, a Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA) e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG)- para certificar a axeitada implantación deste. A Facultade de Dereito obtivo a Certificación da implantación do seu Sistema de Garantía Interno da Calidade coa certificación por parte da ACSUG, tras un primeiro Informe de Auditoría externa inicial para a certificación da implantación do SGIC de 7 de outubro de 2014 e a concesión dun prazo de seis meses para avaliar o grao de execución do plan de accións de mellora proposto polo centro ao informe provisional previo e a valoración positiva emitida no Informe final de Auditoría externa inicial para a certificación da implantación do SGIC de 23 de xullo de 2015. Trátase dun informe no que, de forma pouco usual e reiterando o informe oral do equipo auditor do 2 de xuño de 2015, se destacaron dez fortalezas, vinte e oito conformidades e só catro non conformidades menores e catro oportunidades para a mellora -tres delas substancialmente reiterativas das non conformidades-. A certificación e o informe converten á Facultade de Dereito nestes momentos nun dos centros máis destacados na xestión da calidade no Sistema Universitario de Galicia.

Con todo, para que o proceso de certificación siga o curso previsto, ACSUG comprobará, nas sucesivas revisións do vixente Plan de Melloras derivado do SGC, como o centro resolve as non conformidades menores detectadas na auditoría e implementa as propostas de mellora incluídas no devandito plan, que serán obxecto de especial revisión durante o proceso de seguimento do SGC.

En seguimento do Plan de Propostas de Mellora presentado no proceso de certificación do sistema de calidade e recollidas no informe final de certificación, a ACSUG emitiu o 20 de novembro de 2018 un informe no que se indica que as accións de mellora “están a desenvolverse correctamente”.

Tras a renovación da acreditación dos títulos de Mestrado universitario en avogacía e Graduado/a en Dereito, e á vista dos resultados obtidos, a Universidade de Vigo solicitou ao Consejo de Universidades a acreditación institucional da Facultade de Dereito, que foi estimada pola Resolución de 28 de enero de 2019, do Consejo de Universidades, en relación coa acreditación institucional da Facultade de Dereito (32016479) da Universidade de Vigo. En exercicio das competencias atribuidas polo artigo 14.1 do Real Decreto 420/2015, de 29 de maio, de creación, recoñecemento, autorización e acreditación de universidades e centros universitarios, o Consejo de Universidades declara a acreditación institucional da Facultade de Dereito da Universidade de Vigo. Esta acreditación institucional, mentras manteña os seus efectos, permitirá renovar a acreditación das titulacións oficiais que imparta o centro sen necesidade de someterse ao procedemento xeral. As titulacións oficiais incorporarán como data de renovación da acreditación no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos o 28 de xaneiro de 2019.