Especialistas de oito universidades, maxistrados e axentes sociais analizan este xoves e venres na Facultade de Dereito do campus de Ourense os retos do dereito do traballo e da seguridade ante a próxima reforma laboral en España e a xurisprudencia da sala do social do Tribunal Supremo. A cita, que leva por título O dereito do traballo e da seguridade social: entre aplicación e transformación, presta especial atención a temas como a contratación, as condicións de traballo, a seguridade social, a negociación colectiva e o despido en España.
A iniciativa enmárcase no proxecto de investigación da Xunta de Galicia Retos para un mercado de traballo equitativo e aberto á competencia no contexto da nova economía, do grupo con potencial de crecemento de Dereito Mercantil e do Traballo da Universidade de Vigo e nela participan académicos das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Oviedo, Valencia, Cádiz, La Laguna, Sevilla e Castilla-La Mancha, ademais de catro maxistrados e maxistradas, da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Xulgado do Social de Ourense; e representantes do Consello Galego de Relacións Laborais de Galicia e da Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos. A xornada tamén inclúe unha mesa redonda sobre a negociación da reforma laboral na que participan interlocutores sociais (representantes da Confederación de Empresarios de Galicia e das principais organizacións sindicais) e pecharase cun relatorio sobre a reforma laboral de Joaquín Pérez, secretario de estado de Empleo y Economía Social.
Na inauguración da cita Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, destacou dela o número de persoas inscritas (que seguen a actividade de xeito presencial ou virtual) e a calidade das e dos relatores que participan. Igualmente salientou “a oportunidade do tema que tratan, xa que nestes momentos estamos nun tempo de especial dificultade tanto para empresas como para traballadores”. Pola súa banda, Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, directora da xornada e membro do proxecto no que xorde esta iniciativa, subliñou como con esta actividade “a nosa pretensión é achegármonos á casuística e aos problemas que xorden da regulación laboral vixente e analizar desde diferentes perspectivas os retos e as posibles liñas de actuación para afrontalos” no marco da reforma laboral. Esta reforma, subliñou, “debe facer fronte á temporalidade, á precarización e á inestabilidade do mercado laboral pero cun carácter non meramente conxuntural senón estrutural e que afectará á relación individual do traballo, ao dereito colectivo e á seguridade social”.