Especialistas de oito universidades, maxistrados e axentes sociais analizarán nunhas xornadas os retos da reforma laboral en España

Baixo o título O dereito do traballo e da seguridade social: entre aplicación e transformación, a Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá os días 30 de setembro e 1 de outubro unhas xornadas que reunirán un amplo panel de especialistas do eido académico, do sistema xudicial e axentes sociais para abordar os retos e reformas que afrontan na actualidade a contratación, as condicións de traballo, a seguridade social, a negociación colectiva e o despido en España.

A iniciativa enmárcase no proxecto de investigación da Xunta de Galicia Retos para un mercado de traballo equitativo e aberto á competencia no contexto da nova economía, do grupo con potencial de crecemento de Dereito Mercantil e do Traballo da Universidade de Vigo, e está dirixida por Marta Fernández, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e decana da Facultade de Dereito ourensá. “No marco desta axuda pretendemos estudar durante os anos 2019 a 2021 os retos existentes para un mercado de traballo equitativo e aberto á competencia no contexto da nova economía”, sinala a profesora. Nesta etapa final do proxecto, engade, “pareceunos interesante organizar unha xornada de peche que nos permitise analizar, desde a perspectiva do dereito do traballo e da seguridade social, en relatorios e mesas redondas, cuestións cruciais e desafíos actuais, achegando a visión dos xuíces e maxistrados do Social, encargados da aplicación do dereito, e de recoñecidos representantes da doutrina laboralista, especialistas nos distintos ámbitos da disciplina e críticos en ocasións coa doutrina xudicial”.

Así, participarán na cita académicos das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Oviedo, Valencia, Cádiz, La Laguna, Sevilla e Castilla-La Mancha; catro maxistrados e maxistradas, da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Xulgado do Social de Ourense; e representantes do Consello Galego de Relacións Laborais de Galicia e da Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos. A xornada tamén incluirá unha mesa redonda sobre a negociación da reforma laboral na que participarán interlocutores sociais (representantes da Confederación de Empresarios de Galicia e das principais organizacións sindicais) e pecharase cun relatorio sobre a reforma laboral de Joaquín Pérez, secretario de estado de Empleo y Economía Social.

Ler a noticia completa no DUVI