O campus de Ourense acolleu o venres o acto de graduación do alumnado de último curso das facultades de Dereito e Historia. 49 estudantes do primeiro centro e 16 do segundo celebraron, acompañados de familiares, amigos e membros da comunidade universitaria o remate dos seus estudos e o inicio dunha nova etapa profesional e persoal.
O acto de graduación de Dereito celebrouse no actos Marie Curie do edificio Politécnico, contando coa asistencia, entre outras autoridades, de Miguel Ángel Michinel, secretario xeral da Universidade de Vigo; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, e Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito. “Chegou o momento de que a vosa formación integral reverta en beneficio da sociedade que confiou e investiu en vós”, díxolle ás e aos homenaxeados Marta Fernández. Nesta nova etapa, engadiu a decana, “as ferramentas adquiridas, ben conservadas e actualizadas cunha aprendizaxe permanente, e o voso esforzo persoal permitiranvos cultivar logros e éxitos profesionais e afrontar os retos que vos propoñades”. A VII promoción do Grao en Dereito, formada por 38 egresados e egresadas, e a I promoción do Programa Conxunto Grao en Administración e Dirección de Empresas-Grao en Dereito, formada por 11 persoas, foron apadriñadas polo profesor Roberto Bustillo e Marta Fernández. Durante o acto tamén se nomeou como membro honorífico do claustro de profesores da Facultade de Dereito a Blanca Vilà, catedrática de Dereito Internacional Privado da Universitat Autónoma de Barcelona.