A Facultade de Dereito do campus de Ourense recibiu estes luns unha delegación de alumnado e profesorado da Universidade Estadual de Londrina, en Paraná, e da Universidade Federal Fluminense, de Río de Janeiro, ambas de Brasil. Trátase dunha decena de persoas que durante 15 días realizarán unha estadía de investigación académica no centro ourensán.
Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, foi a encargada de dar a benvida ás e aos asistentes amosando “a satisfacción e o agradecemento do noso centro por acoller esta iniciativa”. A responsable subliñou como este tipo de actividades permiten á facultade “avanzar na transferencia de coñecemento, na internacionalización da investigación e na visibilización do centro alén da nosa contorna próxima”. A decana da Facultade de Dereito amosou a súa convicción de que “esta actividade contribuirá a abrir aquí durante estes días un espazo de colaboración, de diálogo e de reflexión crítica, un foro de intercambio de ideas, culturas e experiencias entre dous países que seguro que vai contribuír a enriquecer a investigación universitaria”. Amosando o seu desexo de que sexa unha visita “frutífera”, Marta Fernández animou ás e aos estudantes brasileiros a que no futuro volvan a esta facultade “a facer un período máis prolongado de investigación e poidan desenvolver as súas teses de doutoramento neste centro”.