Cinco estudantes da Facultade de Dereito do campus de Ourense realizarán os vindeiros meses as súas prácticas externas na Subdelegación do Goberno en Ourense co obxectivo de completar a súa formación. A iniciativa é froito dun convenio de cooperación educativa asinado en 2019 entre a Administración Xeral do Estado e a Universidade de Vigo.
Durante o período de prácticas, que constan de 135 horas, as catro alumnas e o alumno que participan nas mesmas coñecerán, intervirán e participarán nas actividades que se desenvolven nas diferentes áreas e dependencias da Subdelegación do Goberno en Ourense, tales como o Xurado Provincial de Expropiación Forzosa, o Servizo de Asuntos Xurídicos, o Servizo de Asuntos Xerais e Réxime Interior, a Área de Traballo, Inmigración e Estranxeiría ou a Oficina de Estranxeiría, entre outros. O titor do alumnado será o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias, tamén profesor na Facultade de Dereito ourensá. A última parte do período de prácticas levarana a cabo na Audiencia Nacional en Madrid baixo a supervisión do maxistrado do Xulgado Central de Menores Único José Luis Castro Antonio, onde poderán coñecer o funcionamento deste órgano xudicial.