Catro estudantes de 4º curso do Grao en Dereito da nosa facultade participaron, no marco das prácticas externas que realizan na Subdelegación de Goberno, nunha visita institucional á Audiencia Nacional do 22 ao 26 de abril. A actividade tivo para eles un especial interese formativo, pois na institución o estudantado tivo a oportunidade de coñecer in situ, e a través de persoas que exercen cargos públicos de máxima responsabilidade, a estrutura, organización e funcionamento dun órgano xurisdicional, centralizado e especializado, con sede en Madrid e xurisdición en todo o territorio nacional, así como realizar prácticas, coñecer a oficina de vítimas de terrorismo, a clínica forense e os equipos técnicos dos xulgados centrais e de visitar a cárcere de Aranjuez, o centro de menores condenados por terrorismo e un centro de acollida de presos sen recursos e familia.
Na Audiencia o grupo foi recibido por D. José Ramón Navarro Miranda, presidente da Audiencia Nacional, e titorizado polo ourensano D. José Luis Castro de Antonio, maxistrado titular do Xulgado de Menores e de Vixilancia Penitenciaria da Audiencia Nacional. A dificultade e a gran responsabilidade do labor dos profesionais que, con auténtica vocación de servizo público, integran esta institución, foi unha lección maxistral clave para a formación do estudantado e para o respecto que debe merecerlle un órgano xurisdicional especializado, que, no ámbito penal, ocúpase de delitos de gravidade e relevancia social como delitos de terrorismo, contra a Coroa, crime organizado, narcotráfico ou delitos económicos que causen grave prexuízo á economía nacional; en materia contencioso-administrativa, fiscaliza as resolucións da Administración do Estado; e, na xurisdición social, encárgase, fundamentalmente, das impugnacións de convenios colectivos de ámbito territorial superior a unha comunidade autónoma ou con efectos nese ámbito. Unha lección maxistral difícil de esquecer.
O agradecemento, pois, institucional da Facultade de Dereito de Ourense e de toda a súa comunidade universitaria á Audiencia Nacional, ao seu presidente e aos cargos públicos que recibiron á delegación do centro e, moi especialmente ás persoas que fixeron posible a visita, D. José Luis Castro de Antonio e D. Manuel Arias Carral, secretario da Subdelegación de Goberno de Ourense e profesor da Facultade de Dereito. E o agradecemento persoal de cada unha das persoas que tiveron o pracer de participar nunha viaxe na que, grazas á recepción e ao exquisito e cordial trato recibido na Audiencia, as expectativas respecto ao carácter formativo da visita foron, sen dúbida algunha, ampliamente superadas.