Unhas xornadas analizan as ferramentas para adaptar e manter o emprego en empresas en crise

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este mércores a celebración dunha xornada na que se analizaron as ferramentas e actores para a adaptación e mantemento do emprego en empresas en crise. Na cita, especialistas do eido académico das universidades de Vigo, Murcia, Sevilla e Autónoma de Barcelona abordaron temas como os expedientes temporais de regulación de emprego ou a protección por desemprego dende unha perspectiva de activación para o emprego.

A iniciativa realizouse en colaboración co Consello Galego de Relacións Laborais e no marco do proxecto estatal Adaptación e mantemento do emprego no novo ecosistema produtivo, financiado pola Agencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación e coordinado desde a Área de Dereito do Traballo e a Seguridade Social da UVigo polo catedrático Jaime Cabeza e a profesora Marta Fernández. Na inauguración da actividade participaron Susana Álvarez, decana da Facultade de Dereito; Antía Sández, presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais; e Marta Fernández, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da UVigo. A xornada Adaptación e mantemento do emprego en empresas en crise: ferramentas e actores presentouse como un seminario de transferencia que dá continuidade a dous anteriores de carácter científico realizados no marco do citado proxecto.

Buscando o equilibrio

A programación arrancou cunha intervención de Faustino Cavas, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad de Murcia, sobre os expedientes de regulación temporal de emprego como mecanismos de adaptación e mantemento do emprego en situación de crise das empresas. Nela falou do impacto da reforma de 2021 (RD-lei 32/2021) no reforzamento deste “mecanismo de flexibilidade interna que pretende ser unha alternativa aos despidos en situacións de crise”. Así, lembrou a experiencia dos ERTE durante a pandemia da covid-19, que permitiron “que miles de empresas e millóns de traballadores puidesen sobrevivir a esa situación de crise conservando negocios e postos de traballo”. O relator valorou en que medida a nova regulación dos ERTE pode seguir cumprindo esa función ante futuras situacións de crise que poidan sobrevir, xa sexan crises xerais ou sectoriais, como as derivadas por exemplo de fenómenos climáticos adversos.

Seguiu a xornada cunha intervención de Jesús Cruz, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad de Sevilla, sobre A modificación de condicións de traballo como ferramenta para o mantemento do emprego: a modificación substancial de condicións de traballo e a inaplicación de convenios colectivos. O convidado abordou os cambios que require a empresa de adaptación a situacións de carácter económico e produtivo e como iso se compensa ou se equilibra coas necesidades de “certeza e estabilidade no tempo” que teñen as e os traballadores. A situación, indicou, “está alterándose moito porque as incertezas económicas, os cambios provocados pola dixitalización, etc. intensifican este tipo de necesidades empresariais nun contexto no que cada vez máis os traballadores necesitan conciliar a súa vida profesional coa familiar”. Deste xeito, apuntou, búscase “un punto de equilibrio cada vez máis difícil de lograr”.

Na segunda mesa da xornada abordáronse mecanismos de apoio e protección para as persoas traballadoras durante as transicións temporais vinculadas a medidas de axuste temporal do emprego, actuacións coas que se pretende non só amortecer o impacto económico e social que a regulación de emprego pode xerar, para evitar a destrución de emprego e facilitar a recuperación da actividade, senón tamén ofrecer a capacitación das persoas afectadas. En particular, centrouse na protección de desemprego desde a perspectiva da activación tras a reforma do RD-lei 2/2024 e as medidas de axuste temporal en relación con colectivos especialmente vulnerables, tendo en conta, en concreto, a idade e o xénero. Finalmente, os axentes sociais analizaron nunha última mesa o papel dos interlocutores sociais na xestión colectiva previa á adopción de medidas de axuste e regulación do emprego e o seu papel no acompañamento dos instrumentos non extintivos de regulación.

Ler a noticia completa no DUVI