Na actual sociedade da información, a contratación bancaria electrónica adquire, segundo explica Roberto Couto, profesor da Facultade de Dereito do campus de Ourense, “un carácter esencial e básico no conxunto da economía”. Dada esta relevancia, na súa tese de doutoramento analizou en detalle e desde un punto de vista xurídico os contratos bancarios electrónicos, intentando aclarar o escenario no que se moven e as súas principais problemáticas.
A tese foi presentada este ano na Facultade de Dereito do campus de Ourense co título Formación e forma dos contratos bancarios electrónicos. Realizada baixo a dirección de Ana María Tobío, catedrática de Dereito Mercantil, foi a primeira tese desta disciplina que se leu na facultade ourensá. “O sector financeiro, e bancario en particular, é un dos sectores económicos onde asistimos a unha maior presenza das novas tecnoloxías, na medida en que a intanxibilidade dos produtos e servizos bancarios fainos particularmente idóneos para a súa contratación electrónica, servindo, ao mesmo tempo, de apoio instrumental para o desenvolvemento do comercio electrónico noutros sectores”, explica o xa doutor sobre a relevancia de abordar a temática elixida.