A VII Liga de Debate da Universidade de Vigo xa está en marcha. Como cada ano por estas datas, arranca unha iniciativa que, coordinada desde a Facultade de Dereito do campus de Ourense polo catedrático Pablo Raúl Bonorino, trata de fomentar entre o alumnado a capacidade de diálogo, de argumentación e de debate co obxectivo último de mellorar a súa formación.
Rematado o prazo de inscrición, explica o responsable da iniciativa, nesta edición son oito os equipos que participarán, todos eles do campus de Ourense e alumnos e alumnas principalmente de cuarto curso do Grao en Dereito. A maioría, indica, son estudantes matriculados na materia de Argumentación que “ven esta actividade como algo complementario á formación que reciben nela”. Aínda que a convocatoria para participar na liga estivo, como en anos anteriores, aberta a toda a comunidade universitaria dos diferentes campus o protagonismo recae unha vez máis no alumnado desta materia. “Sen falar nunca en público é difícil animarse a participar nesta liga. Argumentar é unha habilidade que se exercita coa práctica, non se poden aprender de forma libresca”, advirte o catedrático.