Nove conferencias doutros tantos especialistas nas que es abordan temas de actualidade transversal no eido xurídico. Con esta premisa preséntase a terceira edición do Curso de Actualización Xurídica 2019/2020 da Facultade de Dereito do campus de Ourense. A iniciativa, cuxa programación arrancou este venres, permitirá ao alumnado e profesorado do centro e ás persoas interesadas actualizar os seus coñecementos en diferentes áreas do dereito.
O comité organizador deste programa está composto por Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito; Susana Álvarez, vicedecana deste centro, e Francisca Fernández Prol, coordinadora do Grao en Dereito. A actividade, lembran desde a organización, púxose en marcha no curso 2017/2018 no marco das actividades da Comisión de Calidade do centro como un programa de formación permanente no que cada área da Facultade de Dereito participa propoñendo un experto ou experta e unha temática do seu interese pero de carácter transversal, con interese tamén para as demais ramas de coñecemento. Polos bos resultados acadados nas edicións anteriores, a actividade xa se ten consolidado na programación do centro.