A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este venres unha conferencia de Luis Antonio Velasco, catedrático de Dereito Mercantil da Universidad de Valladolid, sobre a publicidade denigrante para as mulleres. Na súa intervención analizou o marco xurídico da publicidade sexista apuntando como cada vez hai unha maior sensibilidade neste eido e como na actualidade “o estándar que temos en España é bastante elevado”.
A conferencia celebrouse dentro do Curso de Actualización Xurídica 2018/2019 que desenvolve o centro e que consiste na celebración de sete conferencias doutros tantos especialistas que permiten ao longo deste curso académico a alumnado e profesorado actualizar os seus coñecementos en diferentes áreas do dereito. No acto, o relator estivo acompañado polas profesoras do centro Francisca Fernández Prol, coordinadora do curso, e Ana María Tobío, catedrática de Universidade de Vigo na Área de Dereito Mercantil, estando tamén presente Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito de Ourense.