A irrupción da intelixencia artificial, unha “revolución” para a xustiza penal

O Curso de Actualización Xurídica, da Facultade de Dereito do campus de Ourense, arrancou este venres a súa programación de 2021 cunha conferencia de Silvia Barona, catedrática de Dereito Procesual da Universitat de València, na que abordou o estado actual e os retos de futuro da irrupción da intelixencia artificial na xustiza, concretamente na xustiza penal. Coa xeralización da tecnoloxía, a dixitalización e a intelixencia artificial, indicou, “estamos ante un cambio importantísimo de vida, de relacionarnos, de comprar, de interactuar, de funcionar… de todos os ámbitos da vida e isto loxicamente ten un efecto reflexo, cada vez maior, en todo, tamén no mundo do dereito”, comentou a relatora.

A sesión, que puido seguirse a través do Campus Remoto da UVigo, foi presentada polas profesoras do centro Francisca Fernández Prol, Inés C. Iglesias e María Dolores Fernández, que destacaron a dilatada traxectoria da relatora e o feito de que é profesora honorífica do claustro de profesores da Facultade de Dereito. Durante a conferencia, Silvia Barona ofreceu una panorámica de como “a intelixencia artificial chegou para quedarse”, definindo intelixencia artificial como “un sistema tecnolóxico, unha estrutura, un sistema computacional, que o que fai é traballar con información, con coñecemento, e que ofrece respostas», que resolve problemas, maximiza obxectivos e optimiza o procesamento da información, realizando «operacións comparables ás que realiza o ser humano de aprender e de razoar”.

Ler a noticia completa no DUVI