O venres, 22 de marzo, celébrase o Día Mundial da Auga. É un data significada no calendario do campus de Ourense xa que nel desenvólvese o Campus Auga, un proxecto de especialización arredor dos recursos hídricos e alimentarios acreditado recentemente pola Xunta de Galicia. Cada curso académico, en datas próximas a ese día, o campus de Ourense abre as súas portas ás futuras xeracións de universitarias e universitarios para que coñezan de primeira man a súa vida académica e investigadora. Este ano, a cita celébrase este martes e mércores coa participación de arredor de 800 estudantes preuniversitarios.
A programación, organizada pola Vicerreitoría do campus de Ourense co apoio da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da UVigo, arrancou este martes coa arredor de 300 estudantes de Bacharelato, acompañados por docentes, de cinco centros educativos, a maioría da provincia de Ourense, como son o IES Xesús Taboada Chivite (Verín), o CPR Malvedo (Coles), o CPR Plurilingüe Mª Auxiliadora (Ourense), o IES Universidade Laboral (Ourense) e o IES Val do Asma (Chantada). Para darlle a benvida estivo Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, que destacou que esta actividade se celebra tendo en conta a conmemoración do Día Mundial da Auga e este ano tamén os 50 anos de historia do campus ourensán. O responsable académico agradeceulle aos institutos e ao seu alumnado e profesorado “que veñan a coñecer un campus fantástico como é o noso» nunhas xornadas que teñen como obxectivo principal que coñezan de primeira man as súas instalacións, servizos, centros e titulacións, tendo en conta que nun futuro próximo estes estudantes terán que elixir que carreira universitaria queren facer e onde.
O vicerreitor animou ao alumnado a aproveitar esta visita para saber máis dun campus no que, destacou, “contamos con instalacións de vangarda tanto no eido académico como investigador e das que estamos moi orgullosos”. Alén da calidade investigadora e tamén docente, Francisco Javier Rodríguez puxo en valor a rica vida universitaria que se desenvolve nel grazas á súa programación deportiva e cultural. Lembrando que as titulacións que nel se imparten teñen en xeral unha alta taxa de empregabilidade e emprego de calidade, o responsable académico indicou que cada curso académico o campus de Ourense acada taxas de matrícula do 100%. “Con xornadas coma esta queremos continuar nesta liña de bos resultados e seguir mellorando cada día, en estreita colaboración coa nosa contorna”, afirmou.
Nove centros, 16 graos
Tras a benvida conxunta, o alumnado dividiuse en pequenos grupos para realizar dous itinerarios segundo a súa modalidade de Bacharelato e tendo en conta as temáticas das nove facultades e escolas que hai no campus de Ourense, nas que, lembrouse na visita, se imparten 16 títulos de grao, tres programas conxuntos de dobres graos, 12 mestrados e sete programas de doutoramento, achegándose a cifra de alumnado aos 4800.
O itinerario do ámbito xurídico-social, humanidades e artes permitiulle ao alumnado participante coñecer as facultades de Educación e Traballo Social; Historia; Ciencias Empresariais e Turismo; Dereito e Relacións Internacionais. O itinerario de ciencias e enxeñaría levounos á Escola Superior de Enxeñaría Informática; á Facultade de Ciencias; á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e á Escola Universitaria de Enfermaría. En ambos casos percorreron os seus edificios, coñecendo desde as súas aulas e laboratorios ata museos que albergan, da man de membros dos seus equipos decanais e directivos, que foron explicándolles todo tipo de cuestións referidas ás súas titulacións, actividades e saídas profesionais. Igualmente, en diferentes laboratorios as e os estudantes achegáronse ao traballo investigador que se realiza nas facultades e escolas ourensás, especialmente no caso da Facultade de Ciencias pero tamén en eidos como a arqueoloxía ou o espacial. No seu percorrido polo campus de Ourense tamén tiveron a oportunidade de coñecer instalacións comúns, como as deportivas, a biblioteca universitaria e as zonas verdes.