Unha universidade para todas e todos

A Universidade de Vigo ten como prioridade, en liña coa Axenda 2030, favorecer a cultura do respecto, da igualdade e da inclusión, garantindo que todas as persoas que conforman a nosa comunidade poidan desenvolver a súa actividade académica e laboral con dignidade e nun espazo libre de violencias de xénero e de máximo respecto dos dereitos humanos.

Recursos no Portal da Universidade de Vigo

Igualdade na facultade

Na Facultade de Dereito temos como obxectivo prioritario a implementación de accións que contribúan a que a igualdade sexa unha realidade entre a comunidade do centro, dun xeito especial entre mulleres e homes sen esquecer calquera tipo de diversidades.

Máis aló das persoas dun ou outro sexo que, en cada momento, integremos os equipos directivos, desde a creación da Facultade asumimos un compromiso, agora expreso pero durante os primeiros anos tácito, de incorporar a igualdade e defender o dereito das mulleres para vivir en igualdade como un dos nosos valores centrais. Neste sento, pode consultarse a misión e a visión da nosa facultade.

Misión
“A Facultade de Dereito, especialmente comprometida en incorporar a igualdade entre homes e mulleres como un dos seus valores centrais, é unha institución orientada a proporcionar ao seu estudantado unha formación xurídica…”

Visión
“A Facultade de Dereito de Ourense…, sen esquecer o seu compromiso coa igualdade de xénero como un dos seus valores centrais.”

Todas as comisións da Facultade de Dereito teñen unha representación superior ao 50% de mulleres en consonancia coa responsabilidade social e compromiso da Facultade de Dereito con este obxectivo.

Así mesmo, é preciso sinalar que nestes momentos a porcentaxe de Catedráticas e Catedráticos na Facultade de Dereito é idéntica, con presenza equilibrada de mulleres e homes nos distintos grupos e categorías profesionais. Así mesmo, desde a creación da Facultade, houbo 4 decanos e 4 decanas, o que é unha evidencia máis do compromiso do centro coa igualdade de xénero, integrándose os equipos por mulleres e homes de forma bastante equilibrada ao longo deses 30 anos.

Por outra banda, na Facultade de Dereito existen distintos grupos de investigación que teñen, entre as súas liñas de investigación, de forma xeral, os dereitos humanos e, de forma específica, a igualdade e non discriminación por razón de xénero. Entre este grupos poden citarse os equipos do MEDEA IURIS, coa temática xeral de teoría dos dereitos humanos na que se inclúe a relativa a igualdade; SISTEMAS XURÍDICOS, con referencia expresa á violencia de xénero entre as súas liñas; AGRUPACIÓN DE GRUPOS DE INVESTIGACIÓN DE DERECHO ADMINISTRATIVO Y FILOSOFÍA DEL DERECHO, que ten como obxecto de investigación, entre outros, as políticas públicas, xénero e dereitos; DERECHO MERCANTIL Y DEL TRABAJO, con temas de investigación vencellados aos dereitos fundamentais ante o cambio do traballo autónomo na era dixital, ao principio de igualdade e non discriminación por razón de sexo e conciliación da vida laboral e familiar ou DEREITO PROCESUAL, coa liña protección dos dereitos fundamentais.

E non debemos esquecernos de que a protección dos dereitos fundamentais en xeral, e do dereito á igualdade e non discriminación de forma específica, forma parte das competencias xerais e transversais que deben adquirir os estudantes para a obtención do título, presentes en todas as etapas do currículo e nos diferentes programas formativos de grao e posgrao ofertados na Facultade de Dereito.

En concreto, no plano de estudos do Grao en Dereito, son numerosas as materias que tratan a igualdade de xénero no seu contido.