Facultade de Fisioterapia

Estudos de Grao en Dereito

Os estudos de Grao en Dereito, adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), impártense na Facultade de Dereito da Universidade de Vigo dende o curso académico 2009/2010 (G080 – Plan 2010).

No curso académico 2013/2014 modificouse o plan de estudos do Grao en Dereito (G081 – Plan 2014). Este plan de estudos modificado comenzou a implantarse no curso académico 2014/2015.

A implantación do plan de estudos modificado realizouse progresivamente segundo o cronograma preestablecido.

Estrutura en mencións


O Grao en Dereito proporciona ao estudante unha formación xurídica teórica e práctica, exhaustiva e de calidade. A súa estrutura en mencións é especialmente atractiva e competitiva para o acceso a profesións xurídicas do sector público e do sector privado. Permite ao alumno deseñar o seu propio itinerario de materias optativas e, se o desexa, especializarse en cuarto curso en Dereito xudicial ou en Dereito da UE e desenvolvemento sostible.

A mención incorpórase ao título de graduado en Dereito cando o estudante cursa polo menos cinco materias optativas integradas nun mesmo ámbito. O título con mención acredita fronte a terceiros a formación especializada obtida polo alumno, sen prexuízo da formación nuclear que o título garante.

Son dúas as mencións pioneiras no título de graduado que oferta a Facultade de Dereito de Ourense:

  • A Mención en Dereito xudicial, máis clásica e xeneralista dentro da especialización, ofrece ao estudante con vocación xurídica un sólido programa formativo en Dereito, que o prepara para a práctica xurídica pública ou privada en xeral. Está especialmente orientada ao alumnado que desexe dedicarse á práctica xudicial no ámbito da Administración de Xustiza ou ao exercicio profesional da avogacía.
  • A Mención en Dereito da UE e desenvolvemento sostible, máis innovadora e cun enfoque supranacional, ofrece unha formación especializada e de calidade en Dereito Europeo. Resulta de especial interese para alumnos ambiciosos e sensibles aos retos propios dun mundo globalizado. Tamén para estudantes estranxeiros que desexan participar en programas de mobilidade internacional e afondar no estudo das institucións e fontes propias da UE.

Máis información


Obxectivos da titulación (aprobados en XF do 06/03/2015)


  • Proporcionar unha formación xurídica xeneralista, teórica e práctica, básica e integral en todas as ramas do Dereito, que permita coñecer e manexar os conceptos básicos do Dereito e alcanzar as competencias e habilidades necesarias para o exercicio de profesións xurídicas.
  • Fomentar a aprendizaxe autónoma do alumno.
  • Identificar feitos e problemas xurídicos, extraer argumentalmente consecuencias xurídicas e expoñer de forma oral e escrita a información e as solucións.
  • Comportarse de xeito ético e con responsabilidade social como profesional do Dereito.