Política de calidade

A política de calidade do centro deriva da importancia que ten consolidar unha cultura de calidade no ámbito universitario, da súa consideración como un factor determinante para conseguir a satisfacción das expectativas formativas das súas egresadas e egresados e o seu recoñecemento nos ámbitos académicos, profesionais e sociais en que se integran. Para iso existe o compromiso de empregar todos os recursos humanos e materiais dispoñibles dentro do cumprimento da normativa vixente e en coherencia cos criterios e coas directrices establecidos.

Así se establecen as seguintes liñas xerais que constitúen a política de calidade do centro:

  • Manter unha oferta formativa ligada ás necesidades e expectativas da sociedade para consolidar altos niveis de calidade nas súas titulacións, sen renunciar aos fundamentos académicos da universidade baseados no desenvolvemento do coñecemento, do espírito crítico, da capacidade de análise e de reflexión.
  • Alcanzar o recoñecemento no ámbito nacional e internacional da calidade docente a través da consecución das metas asociadas a indicadores académicos con especial relevancia os que se relacionan coa satisfacción dos grupos de interese.
  • Facilitar a extensión da cultura da calidade e a formación continua en materia de calidade do persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos e do alumnado, fomentando a eficacia e a continuidade dos sistemas e dos procesos a ela vinculados.
  • Asegurar a implantación, desenvolvemento e seguimento tanto do sistema de garantía de calidade (SGC) como de todos os procesos vinculados coa calidade que afectan ao centro e as súas titulacións.
  • Asegurar unha docencia, investigación, xestión e transferencia de coñecemento con perspectiva de xénero para remover os obstáculos que impiden unha igualdade real entre as mulleres e os homes.
  • Acadar un compromiso permanente de mellora continua como norma de conduta, e propoñer e levar a cabo as accións necesarias para o mantemento e a mellora da calidade.

 

Política e obxectivos de calidade

Evolución do documento

A Política e Obxectivos de calidade da Facultade de Dereito foron aprobados orixinariamente o 5 de marzo de 2010 pola Comisión Permanente e revisados polo equipo decanal o día 27 de abril de 2011. O 6 de marzo de 2015, no marco do novo Manual de Calidade da Facultade de Dereito, a Xunta de Facultade do centro aprobou a nova política e obxectivos de calidade, tras a súa validación o 2 de marzo pola Comisión de Calidade. O 21 de decembro de 2016 a Xunta aprobou a actualización do Anexo 4 do Manual, con algunhas modificacións nos obxectivos de calidade, previamente validadas o 20 de decembro pola Comisión de Calidade. O 9 de xullo de 2018, e previa validación o 6 de xullo pola Comisión de calidade, a Xunta de Facultade aprobou unha revisión meramente formal do documento, para adaptalo aos procedementos de calidade actualizados previamente, sen que dita actualización formal comportase modificación algunha substancial nos obxectivos, nos indicadores ou nas metas.