Facultade de Dereito

Acreditación Institucional da Facultade de Dereito

Para obter a acreditación institucional de centros de universidades públicas e privadas, os apartados 2 e 3 do artigo 14 do Real Decreto 420/2015, do 29 de maio, de creación, recoñecemento, autorización e acreditación de universidades e centros universitarios, requiren o cumprimento de dous requisitos:

  1. Renovar a acreditación inicial de polo menos a metade dos títulos oficiais de grao e mestrado que impartan, de acordo ao procedemento xeral previsto no artigo 27 bis do Real Decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación dos ensinos universitarios oficiais, salvo se un título, ou máis, impártese en varios centros da mesma universidade. Nese caso, esíxese renovar tamén a acreditación do título ou títulos en cuestión, conforme ao Real Decreto 1393/2007, do 29 de outubro.
  2. E contar coa certificación da implantación do seu sistema de garantía interno de calidade, orientado á mellora continua da formación que se ofrece aos estudantes, de acordo co establecido no apartado 9 do anexo I do Real Decreto 1393/2007, do 29 de outubro, e conforme os criterios e directrices para garantir a calidade no Espazo Europeo de Educación Superior.

A Facultade de Dereito de Ourense, con dous títulos que se imparten en varios centros da Universidade de Vigo (o título de Graduado en Dereito pola Universidade de Vigo, impartido nas Facultades de Dereito e de Ciencias Xurídicas e do Traballo e o de Mestrado universitario en avogacía, adscrito ás Facultades de Dereito e de Ciencias Xurídicas e do Traballo e impartido nos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo) cumpre ambos os requisitos.

O 23 de xullo de 2015 obtivo a certificación da implantación do seu sistema de garantía de calidade. E, en canto á renovación da acreditación inicial de polo menos a metade dos títulos oficiais de grao e mestrado que se imparten no centro, de acordo ao procedemento xeral previsto no artigo 27 bis do Real Decreto 1393/2007, ao ser os dous títulos impartidos en varios centros da Universidade de Vigo, é preciso obter a renovación da acreditación de ambos. O 22 de xullo de 2016 o Mestrado universitario en avogacía obtivo informe final de avaliación para a renovación da acreditación favorable e o 23 de junio de 2017 a ACSUG emitiu un informe final de avaliación favorable á renovación da acreditación do título de Graduado e Graduada en Dereito pola Universidade de Vigo.

De acordo co artigo 14.1 do Real Decreto 420/2015, a Universidade de Vigo solicitou a acreditación institucional da Facultade de Dereito á ACSUG, como órgano de avaliación externa da comunidade autónoma en cuxo territorio se establece a universidade, que emitiu un informe de avaliación vinculante para o Consejo de Universidades.

O Consejo de Universidades é o órgano competente para ditar a resolución de acreditación, que se ha de enviar á universidade, á comunidade autónoma e ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para os efectos da inscrición dos centros acreditados no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos.

Mediante Resolución de 28 de xaneiro de 2019, do Consejo de Universidades, en relación coa acreditación institucional da Facultade de Dereito (32016479) da Universidade de Vigo, o Consejo de Universidades declara a acreditación institucional da Facultade de Dereito da Universidade de Vigo. A acreditación institucional, que deberá renovarse antes do transcurso de cinco anos contados a partir da data da presente resolución, terá, para o centro, os efectos previstos no artigo 27  ter, do Real Decreto 1393/2007, do 29 de outubro.

Polo tanto, a acreditación institucional da Facultade de Dereito da Universidade de Vigo, mentras manteña os seus efectos, permitirá renovar a acreditación das titulacións oficiais que imparta o centro sen necesidade de someterse ao procedemento xeral. As titulacións oficiais incorporarán como data de renovación da acreditación no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos o 28 de xaneiro de 2019.