Facultade de Dereito

Buscando solucións á inseguridade xurídica no eido do urbanismo

A Facultade de Dereito acolleu unha xornada centrada neste tema

 

Este martes a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu a xornada O novo réxime xurídico do urbanismo en Galicia. A cita reuniu a docentes universitarios, profesionais vinculados a esta área e público interesado co obxectivo de analizar a nova regulación urbanística, protagonizada por unha Lei do Solo de Galicia, de 2016, que veu a substituír recentemente a anterior Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, de 2002. Nun contexto de preocupación social arredor desta cuestión, José Agustín González-Ares, director das xornadas e docente da Universidade de Vigo, recalcou a importancia da seguridade xurídica no eido urbanístico pois, afirmou, “o urbanismo é calidade de vida”.

Ler máis...

O I Congreso Euroamericano de Dereito e Política propón unha abordaxe crítica do estado de benestar

Ourense acolle esta cita organizada desde as universidades de Vigo e Fluminense de Río de Janeiro

 

Ser un foro de discusión e intercambio de experiencias das realidades trasatlánticas sobre temas de influencia directa nas áreas socioeconómicas e políticas dos dous continentes. Con este obxectivo, o campus de Ourense acolle deste este martes e ata o xoves a primeira edición do Congreso Euroamericano de Dereito e Política. A cita, organizada pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo e o Programa de Pós-Graduação em Justiça Administrativa da Universidade Federal Fluminense de Río de Janeiro, de Brasil, reúne a un centenar de investigadores e docentes dun e doutro lado do Atlántico coa idea de realizar unha análise crítica sobre as grandes problemáticas que afrontan os estados e o dereito na actualidade. Entre os temas postos sobre a mesa están a crise do modelo de benestar, o impacto da globalización ou o afastamento da cidadanía das súas institucións.

Ler máis...

O dereito deportivo entra no terreo de xogo

Unhas xornadas afondan nos campus de Ourense e Vigo neste ordenamento xurídico

 

Os días 3, 4, 24 e 26 de abril, as facultades de Dereito do campus de Ourense e a de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo acollen as II Xornadas sobre Dereito Deportivo. As sesións, nas que participa un amplo panel de arredor de 30 relatores do eido académico e profesional, arrancaron este luns en Ourense salientando a importancia de que no terreo de xogo dun sector cada vez máis grande como é o do deporte exista tanto un ordenamento xurídico que dea resposta aos conflitos que nel se poidan dar como profesionais especializados para resolvelos. Nesta edición, lembrou Inés C. Iglesias Canle, unha das directoras académicas da cita, dedícase ademais especial atención “á importancia dos dereitos humanos e dos valores que se transmiten a través do deporte”.

Ler máis...

Alumnado de Dereito visitou a prisión de Pereiro de Aguiar e o Centro de Menores Monteledo

34 estudantes de cuarto curso puideron coñecer de primeira man o seu funcionamento

 

Co obxectivo de que os futuros xuristas coñezan de primeira man o funcionamento de dúas entidades como son o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar e o Centro de Menores Monteledo, un grupo de estudantes da Facultade de Dereito do campus de Ourense achegáronse na tarde do luns, día 20 de marzo, ata as súas instalacións. A visita, que xa vén sendo unha tradición que se repite cada curso, permitiulles aproximarse á realidade de dúas entidades que teñen moita relación coa práctica xurídica.

Ler máis...

Créase na Facultade de Dereito o Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública

Estará financiado pola Fundación Alfonso Martín Escudero e dirixido por Roberto Bustillo

 

“Crear, impulsar e difundir coñecemento sobre aspectos xurídicos e metaxurídicos relacionados co fenómeno da corrupción do poder público”. Con este obxectivo presentouse este mércores no campus de Ourense o novo Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública. Xestionado desde a Facultade de Dereito polo Grupo de Investigación Medea Iuris deste centro, o laboratorio nace grazas á alianza da Universidade de Vigo coa Fundación Alfonso Martín Escudero, que financiará o funcionamento deste instrumento. O profesor Roberto Bustillo será o seu director.

Ler máis...