Facultade de Dereito

Viaxe institucional ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

O pasado 14 de novembro vinte e nove estudantes do Mestrado universitario en Avogacía do Campus de Ourense realizaron unha viaxe institucional ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Acudiron, en representación da Facultade de Dereito e do ICA de Ourense, acompañados dos coordinadores profesional e académica, do secretario da Comisión académica e da decana da Facultade.

A visita tivo para eles un especial interese formativo xa que puideron asistir a unha vista de apelación por un xuízo de asasinato na Sala do Civil e o Penal e de coñecer, a través do presidente, de maxistrados das tres salas e da xefa do gabinete de comunicación a organización, o funcionamento e a estrutura de órgano co que culmina a administración de xustiza en Galicia e dos principios e valores que o rexen. O grupo foi recibido polo presidente do Tribunal, D. Miguel Ángel Cadenas Sobreira, o presidente da Sala do Contencioso-Administrativo, D. José María José María Gómez y Díaz-Castroverde, o maxistrado da Sala do Civil e do Penal D. Fernando Alañón Olmedo e o maxistrado da Sala do Social D. Emilio Fernández de la Mata e organizada pola Xefa do gabinete Dna. María Pardo.

A dificultade e a gran responsabilidade do labor dos profesionais que, con auténtica vocación de servizo público, integran esta institución, foi unha lección maxistral difícil de esquecer para a formación dos estudantes e para o respecto que debe merecerlles esta Institución que contribúe a facer posible o Estado de dereito e a convivencia pacífica entre todos os cidadáns.

Ler máis...

O certame estatal Arquímedes premia dous traballos da Universidade sobre pensións e discriminación por embarazo

O obxectivo dos galardóns do Ministerio de Educación é fomentar o espírito investigador no alumnado

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte convoca anualmente o Certame Arquímedes co obxectivo de fomentar o espírito investigador no alumnado universitario mediante a concesión de premios aos mellores traballos de investigación. Entre os galardoados na edición 2017 do concurso están dous traballos fin de grao realizados na Universidade de Vigo. Na Área de Ciencias Sociais e Humanidades, Lidia Cruces, alumna da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo, acadou un segundo premio polo seu estudo sobre a sustentabilidade do sistema de pensións, e Victoria Gil, alumna da Facultade de Dereito do campus de Ourense, conseguiu na mesma categoría un accésit pola súa investigación sobre a discriminación no traballo por embarazo ou maternidade.

certame Arquimedes
Ler máis...

O Parlamento galego “achégase” ao alumnado de Dereito

A facultade acolleu este luns unha charla-coloquio sobre esta institución

charla sobre o Parlamento Galego

 

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este luns a Charla-Coloquio Parlamento de Galicia. A iniciativa enmárcase nas actividades divulgativas organizadas pola Presidencia do Parlamento en colaboración coa Asociación de Ex Parlamentarios/as e que teñen como obxectivo espallar os valores da democracia entre a xente nova, amosando o traballo que se desenvolve na institución que representa o pobo de Galicia, a primeira das institucións da comunidade autónoma e da que derivan todas as demais.

Ler máis...

A presunción de inocencia e a transparencia como exemplos do conflito entre o interese individual e o colectivo

A Facultade de Dereito acolleu este venres varias conferencias sobre estas temáticas

 

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este venres dúas conferencias: unha primeira sobre o dereito de defensa e a presunción de inocencia, ofrecida polo catedrático Víctor Moreno, e unha segunda sobre protección de datos e transparencia, a cargo do profesor José Julio Fernández. A pesar de ser temáticas diferentes, as dúas coincidiron en dous aspectos. Por unha banda, en estar destinadas a abordar aspectos de actualidade xurídica para contribuír a unha mellor formación do alumnado e profesorado do centro e por outra en abordar cuestións conflitivas en canto nelas se produce un choque entre os dereitos e intereses individuais e os colectivos.

conferencias
Ler máis...

Case un centenar de estudantes participaron na feira de orientación laboral da Facultade de Dereito

En Orienta Iuris tiveron a oportunidade de entrar en contacto cunha vintena de empresas e administracións

 

Por segundo ano consecutivo, a Facultade de Dereito do campus de Ourense celebrou este venres Orienta Iuris, a Feira de Emprego Xurídico Galicia-Norte de Portugal, unha iniciativa pioneira no sistema universitario galego segundo recalcaron os seus promotores.

Case un centenar de estudantes e unha vintena de entidades públicas e privadas se deron cita nun foro que tivo como obxectivo fomentar a empregabilidade dos futuros e futuras xuristas proporcionándolle información e contacto directo con axentes do mercado laboral no que se desenvolverán nun futuro non moi afastado.

futuros xuristas
Ler máis...