Facultade de Dereito

Viaxe institucional ao Tribunal Supremo, ao Congreso dos Deputados e ao Tribunal Constitucional

O pasado 26 e 27 de xaneiro vinte e tres estudantes do grao de Dereito do campus de Ourense realizaron unha viaxe institucional a tres das institucións básicas do Estado –Tribunal Supremo, Congreso dos Deputados e Tribunal Constitucional-. Acudiron, como embaixada da Facultade de Dereito, acompañados da súa decana e da secretaria do centro.

A visita tivo para eles un especial interese formativo. Non só pola visita guiada senón porque nas tres institucións os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer in situ e a través de persoas que exercen nas mesmas cargos públicos de máxima responsabilidade a organización, funcionamento e estrutura de órganos fundamentais do Estado social e democrático de Dereito así como dos principios e valores que os rexen. No Tribunal Supremo o grupo foi recibido polos maxistrados da Sala do Social D. Antonio V. Sempere Navarro e Don Ángel A. Blasco Pellicer, no Congreso pola súa presidenta, D.ª Ana M.ª Pastor Julián, e no Tribunal Constitucional, en ausencia do seu presidente que se atopaba en viaxe institucional, polo maxistrado D. Juan José González Rivas e os letrados D. Juan Antonio Hernández Corchete e D. Ignacio Borrajo Iniesta. A dificultade e a gran responsabilidade do labor dos profesionais que, con auténtica vocación de servizo público, integran estas institucións, foi unha lección maxistral clave para a formación dos estudantes e para o respecto que deben merecerlles estas entidades que contribúen a facer posible a convivencia pacífica entre todos os cidadáns. Unha lección maxistral difícil de esquecer.

O agradecemento, pois, institucional da Facultade de Dereito de Ourense e de toda a súa comunidade universitaria ás tres institucións e aos cargos públicos que recibiron á delegación do centro. E o agradecemento persoal de cada unha das persoas que tiveron o pracer de participar nunha viaxe na que, grazas á recepción e ao exquisito e cordial trato recibido nas tres institucións, as expectativas respecto ao carácter formativo da visita foron, sen dúbida algunha, amplamente superadas.