Facultade de Dereito

Unha porta aberta ao Parlamento galego e aos valores democráticos

Dereito acolleu este luns unha charla-coloquio sobre esta institución

Por segundo ano consecutivo, o campus de Ourense acolleu este luns unha charla-coloquio organizada polo Parlamento de Galicia e a Asociación de Exparlamentarios/as para que a comunidade universitaria, especialmente o seu alumnado, puidese coñecer de preto o traballo que se desenvolve nesta institución. O obxectivo último da iniciativa, explicaron os seus promotores, é “espallar os valores da democracia entre a xente moza, coñecendo de preto o traballo que se desenvolve na institución representativa do pobo galego”.

Unha porta aberta ao Parlamento galego e aos valores democráticos

Durante a inauguración da cita, Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito onde se celebrou a charla, salientou como esta actividade supón “unha oportunidade para o noso alumnado, para que coñeza máis e mellor e desde dentro un órgano fundamental do noso estado democrático”. A responsable académica fixo fincapé na súa intervención na importancia de coñecer os principios que rexen esta institución e fomentar o respecto polo seu traballo diario en prol da democracia. Do mesmo xeito, Susana Álvarez, profesora do centro, subliñou a pertinencia de que o alumnado do campus e moi especialmente o da Facultade de Dereito se achegue a “un centro de produción normativa como é o Parlamento galego” contando ademais coa participación de persoas que traballaron nel con perfís moi diversos.


Ler a noticia completa no DUVI