Facultade de Dereito

Menores terroristas ou terroristas menores?

En base á súa experiencia como maxistrado titular do Xulgado de Menores da Audiencia Nacional

Menores e xihadismo. Este foi o título da conferencia que este mércores ofreceu na Facultade de Dereito do campus de Ourense José Luis Castro de Antonio, maxistrado xuíz titular do Xulgado Central de Menores e Central de Vixilancia Penitenciaria da Audiencia Nacional. Nela abordou, en base á súa experiencia neste eido, o tema dos menores de idade penal, de 14 a 18 anos, que se ven involucrados en temas de terrorismo xihadista. “O máis importante é tomar coñecemento dunha realidade que cuantitativamente non é importante pero que cualitativamente si o é e hai que previla”, comentou o xurista ourensán.

20181128

Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, abriu o acto salientando ao alumnado presente como “iniciativas deste tipo ofrécenos a oportunidade de complementar a vosa formación académica e de avanzar como centro nunha importante misión que temos as universidades como é transmitir coñecemento”. Manuel Arias, profesor desta facultade, foi o encargado de glosar a dilatada traxectoria do conferenciante. “Non é un xuíz estrela pero as súas resolucións son estelares”, dixo Arias, lembrando como entre as funcións de José Luis Castro están as decisións do cumprimento e da revisión de penas, como a concesión de permisos e terceiros graos, “de todos os presos que están a disposición da Audiencia Nacional en España”, é dicir terroristas, traficantes, bandas organizadas, etc. Nesta traxectoria, o profesor quixo destacar do conferenciante “o seu talante humano”, a súa aposta pola reinserción dos presos e a súa “toma decisións moi valentes e fundadas nun grande espírito humanitario”.


Ler a noticia completa no DUVI