Facultade de Dereito

Alumnado de Dereito completa a súa formación na Subdelegación do Goberno en Ourense

Roberto Castro e Manuel Arias recibiron ás catro estudantes que realizarán prácticas na institución

 

Ao abeiro dun convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a Secretaría de Estado de Administracións Públicas, cada curso académico alumnado da Facultade de Dereito realiza prácticas na Subdelegación do Goberno en Ourense. Este venres, Roberto Castro, subdelegado do Goberno en Ourense, e Manuel Arias, secretario xeral da Subdelegación e docente da Facultade de Dereito, recibiron ás catro alumnas do campus que, a piques de rematar os seus estudos do grao, se incorporan á institución para completar a súa formación con prácticas académicas externas por un período de dous meses.


O convenio que ampara a realización destas prácticas foi asinado o 5 de marzo de 2015 por Antonio Beteta, secretario de Estado de Administracións Públicas, e Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e acada agora a súa segunda edición. O seu obxectivo é facilitar que alumnado dos graos de Dereito e de Traballo Social do campus de Ourense poida afondar no coñecemento dos procedementos administrativos que se seguen nesta Subdelegación do Goberno e complementar os seus estudos universitarios para unha futura incorporación ao mundo laboral.

Segundo subliñou Roberto Castro durante a recepción, trátase dunha “experiencia enriquecedora para os estudantes no que se refire á súa preparación como futuros xuristas e traballadores sociais, e para os empregados públicos que poderán compartir experiencias laborais co mundo universitario. Enriquecemento mutuo que repercutirá nun mellor servizo á cidadanía, pois seremos máis áxiles e aínda máis transparentes”. Asemade, Castro amosou a súa satisfacción pola concreción deste tipo de acordos e manifestou a predisposición do goberno estatal na provincia a seguir traballando para que callen máis convenios de colaboración co mundo escolar e universitario, cintando como exemplo o caso do Campus da Auga e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.


Ler a noticia completa no DUVI