O campus dá un paso cara a integración das persoas ostomizadas

Cada día son máis as persoas ostomizadas, persoas que teñen un orificio no abdome por onde dan saída á urina e feces, que se recollen nunha bolsa adaptada ao seu corpo. A súa cifra en Ourense ascende a máis dun millar e en España a máis de 100.000, realizándose a nivel estatal cada ano arredor de 15.000 intervencións deste tipo. Co obxectivo de contribuír a facilitar a vida deste colectivo, moi condicionada polas consecuencias da ostomía, vén de habilitarse na Facultade de Dereito un cuarto de baño adaptado ás súas necesidades.

Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, explica que a iniciativa xurdiu no marco da Comisión de Calidade deste centro e tendo en conta as demandas trasladadas pola Asociación de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense (ACCU Ourense). Con financiamento do Vicerreitorado de Planificación e Sostibilidade e o apoio da Vicerreitoría do Campus, apunta, conseguiuse finalmente crear este espazo este curso académico. “Con esta pequena axuda queremos contribuír a que as persoas ostomizadas poidan ter unha vida máis normal, mellorar a súa calidade de vida. Ademais, como comunidade universitaria permítenos sensibilizármonos cun problema que pode afectar a calquera de nós en calquera momento da vida”, apunta a decana. Pola súa banda, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, recalca como esta iniciativa é unha mostra máis “da sensibilidade que hai no campus coa integración de todo tipos de colectivos”.

Ler a noticia completa no DUVI